A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

Oralidade, como o facemos?

  • A avaliación de oralidade pode incluir actividades de todo tipo, como rodaxes

PRESENTACIÓN

No IES Díaz Castro potenciamos a oralidade como unha ferramenta básica para a práctica educativa. Para iso traballamos de forma coordinada entre tódolos departamentos da ESO para incorporar as exposicións orais como forma de avaliación.

Este proxecto comeza en 1º da ESO e prolóngase durante toda a ESO. Desta maneira o alumnado adquire aptitudes para afrontar proxectos de toda índole: vídeos, relatos orais, lecturas, recitados, presentacións… Co aprendido, en 3º da ESO o alumnado convértese en guía e organizador dos roteiros Un neno de aldea e A fábrica de poetas.

CLAVES

  • MATERIAS: Indicado para tódalas materias coa coordinación das áreas lingüísticas
  • CONTIDOS: expresividade, dicción, precisión da linguaxe, comprensión de contido, motivación e empatía, capacidade de síntese e control do tempo
  • SESIÓNS: mínimo 1 sesión en linguas e 1 sesión ó trimestre no resto de materias
  • NECESIDADES: ten que formar parte do contido avaliable da materia e implica a avaliación conxunta e coordinada entre os profesores participantes
  • PROXECTOS RELACIONADOS: o traballo de oralidade facilitará a realización de roteiros guiados, vídeos, locucións de radio, recitado e lecturas literarias, presentación de eventos, etc

OBXECTIVOS

  • Reforzar a importancia da expresión oral como aptitude básica desenvolvendo habilidades lingüísticas e sociais
    • Capacidade de síntese
    • Organización do discurso
    • Fixación de coñecemento
    • Aptitudes de empatía e conexión coa audiencia
    • Comunicación non verbal
    • Seguridade e autoestima
  • Incentivar o traballo transversal entre departamentos mellorando a convivencia no centro
    • Unificar criterios e metodoloxías en tódalas linguas para traballar a oralidade de forma coordinada
    • Potenciar a avaliación conxunta entre materias
    • Potenciar o protagonismo e participación do alumnado nas actividades do aula e do centro

PASO A PASO

01. PREPARATIVOS

  • Creación do equipo de coordinación con 1 ou 2 persoas que farán o seguimento do proxecto, a distribución de alumnado, calendario e control da avaliación.
  • Entrega de instruccións ó profesorado participante recibe as PAUTAS da actividade, as RÚBRICAS e o acceso ás actas de avaliación nunha plataforma colaborativa (Drive)
  • Cada profesor decide o contido que avaliará cun exercicio oral en cada trimestre. Terán liberdade para escoller a temática. Idealmente serán tarefas que obriguen ó alumnado a elaborar tanto discursos expositivos, como argumentativos.
  • Distribución do alumnado por asignaturas. O equipo de coordinación reparte en que materia exporá cada alumno. O obxectivo é que so teñan que facer unha exposición oral por trimestre / curso. A nota que obteñan en oralidade será asumida por tódolos profesores participantes.
  • Coordinación dun calendario coas datas das exposicións orais e o resto dos exames para que non haxa solapamentos nin exceso de carga de traballo no alumnado.
  • Tódala documentación estará nunha carpeta compartida de Drive e fisicamente na sala do profesorado onde haberá unha carpeta co material que se utiliza nas exposición orais e as listas do alumnado que lle corresponde a cada profesor

02. DESENVOLVEMENTO

  • Co inicio de curso, o alumnado recibirá formación específica en oralidade nas materias de lingua. En 1º da ESO será máis detallada (2 ou 3 sesións) e nos cursos restantes un recordatorio (1 sesión).
  • Cada trimestre, o profesor indicará a tarefa ou contido que avaliará cun exercicio oral e que alumnos terán que preparalo.
  • Os alumnos poderán empregar un esquema escrito cun máximo de 20 palabras. Non se admitirá un texto redactado.
  • A exposición durará un máximo de 3 minutos se é individual e de 5 minutos se é grupal.
  • Poderán utilizar ferramentas TIC para reforzar a exposición pero non se lles permitirá ler da pantalla. Neste caso o profesor pode decidir aumentar o tempo máximo de exposición.

03. AVALIACIÓN

  • Co-avaliación entre alumnado e profesorado no mesmo aula cun esquema de rúbricas. Os alumnos puntuarán ós seus compañeiros co mesmo sistema de rúbricas que o profesor.
  • A nota máxima pola exposición oral será de 0.5 polo que a nota das materias que participan no proxecto deberán ser sobre 9.5 para poder sumar a nota de oralidade.
  • Asúmese o compromiso de avaliar en conxunto, de maneira que a nota que un alumno recibe por oralidade na materia que lle tocou expoñer é asumida polo resto das materias dentro do proxecto.
  • As cualificacións escribiranse nun acta colaborativa en Drive, estando accesibles a todo o profesorado participante

CASOS POR MATERIAS

BIOLOXÍA

Preparan exposicións orais das seguintes temáticas a escoller:

  • NUTRICIÓN: dieta equilibrada, dieta mediterránea, obesidade, bulimia, anorexia, intoxicacións alimentarias (anisakis, salmonelosis, botulismo…), diabetes, celiaquía.
  • BIOTECNOLOXÍA: Vacinas, clonación, alimentos transxénicos, terapia xenética, bioética.
  • DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE:  Residuos sólidos urbanos, reciclaxe, fontes deenerxía renovables.
  • TEMAS DE ACTUALIDADE: LOMCE, incendios forestais, terremotos, tsunamis…
  • VISITAS: Complexo medioambiental de reciclaxe de Sogama, Aula da natureza do parque eólico de Sotavento, Museo científico DOMUS

FÍSICA E QUÍMICA

Preparan exposicións orais coas seguintes alternativas e temáticas ofrecidas pola profesora:

EXPERIENCIAS

Os exercizos de oralidade, ademais de facilitar a comprensión de contidos e mellorar a convivencia no aula, permite ó alumnado adquirir capacidades que poñen en valor durante toda a súa estadía no centro. Son eles os que presentan eventos, fan entrevistas, representan ó centro en actos externos ou toman a iniciativa para presentarse a concursos literarios ou participar en audiovisuais.

Estas son algunhas das iniciativas nas que os nosos estudantes poñen en práctica a expresión oral tanto dentro como fóra da aula: