A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

A química no tempo de Díaz Castro

  • Autoría
    Ana Sánchez
  • Duración
    50 minutos
  • Ideal para
    Relacionar ciencia e poesía
  • Materias
    Química
  • Compartir en
    facebook, twitter

A Física e Química están presentes na nosa vida cotiá: o noso corpo é un “laboratorio” químico, xeramos e consumimos electricidade, pinturas, deterxentes, fármacos, análises clínicos, técnicas de diagnose en medicina, novos materiais de todo tipo…. Así que invitámoste a que consultes esta liña do tempo (.pdf, 162 kb) dos avances científicos do século XX e a compares coa biografía de Díaz Castro.

A LIÑA DO TEMPO

1915 A teoría da Relatividade Xeral reemplaza á Lei da Gravidade de Newton. Esta teoría explica correctamente a desviación gradual da órbita do planeta Mercurio.

1915 Utilización por parte do exército do imperio alemán contra o exército británico do gas velenoso FOSGENO na Primeira Guerra Mundial.

1917 Colocación do telescopio do Monte Wilson en California.

1918 Premio Nobel de Química para Fritz – Haber (Imperio Alemán) pola síntese do amoníaco a partires dos seus elementos.

1919 O avión da mariña NC-4 cruza por primeira vez o Atlántico guiado por instrumentos alimentados con enerxía proporcionada polo elemento radio. Unha expedición da Real Sociedade Astronómica comproba experimentalmente durante un eclipse solar algúns dos feitos preditos por Einstein na súa teoría da Relatividade.

1920 Invención do poliéster.

1921 Aparecen os primeiros refrixeradores caseiros. Premio Nobel de Química para Frederick Soddy (Reino Unido) polas súas contribucións ao coñecemento da Química das substancias radioactivas e a súa investigación sobre a orixe e a natureza dos isótopos. Premio Nobel de Física para Albert Einstein (Alemania) pola explicación do Efecto fotoeléctrico (células fotoeléctricas).

1922 Calmette e Guérin desenvolven a vacina BCG contra a tuberculose. Proporciona inmunidade e protección contra dita enfermidade.

1923 Herbert M. e K.Scott Bishop descubren la vitamina E. Produción a nivel industrial de insulina para o tratamento da diabete. Edwin Hubble, co telescopio do Monte Wilson, determina que a galaxia de Andrómeda está a un millón de anos-luz. (Máis tarde correxiuse ata os 2 millóns de a.l.)

1924 John Baird inventa o primeiro televisor.

1925 Arthur Eddington atopa unha relación simple entre a masa dunha estrela e a enerxía que irradia.

1927 Blumgart, médico do laboratorio Thorndike, é o primeiro en utilizar trazadores radioactivos para diagnosticar enfermidades cardíacas. Georges Lemaître conclúe que o universo comezou a súa expansión desde un pequeno e quente “ovo cósmico”. Esta é a orixe da teoría do Big Bang. Premio Nobel de Química para Heinrich Otto Wieland (Alemania) polas súas investigacións da estrutura dos ácidos biliares e substancias relacionadas.

1928 Sir Alexander Fleming descobre a penicilina antibiótica. John Baird envía unha película a través de tecnoloxía inarámica que cruza o océano Atlántico. Premio Nobel de Química para Adolf Otto Reinhold Windaus (Alemania) pola investigación das estruturas dos esteroides e a súa conexión coas vitaminas.

1929 Establécese a expansión do universo. Hubble descobre que canto máis lonxe estea unha galaxia de nós máis rapidamente se separa de nós.

1930 Invención das lámpadas de flash para fotografías. Invención do motor de reacción a chorro.

1932 James Chadwick descobre o neutrón. Invéntase o ciclotrón.

1934 Morre Marie Curie como consecuencia dunha anemia perniciosa ocasionada polas longas exposicións a produtos radioactivos. Irène Joliot Curie e o seu marido Frédéric Joliot producen o isótopo radioactivo artificial, fósforo-30, a partir de aluminio e núcleos de helio.

1935 Invéntase a fotocopiadora. Premio Nobel de Química para Frédéric Joliot e Irène Joliot-Curie (Francia) pola síntese de elementos radioactivos.

1936 Grávase o son nunha cinta magnética. O magnetófono usa cinta magnética para gravar un concerto dirixido por Sir Thomas Beecham.

1937 Dow Chemical vende poliestireno en Estados Unidos. Invéntase o radar. Premio Nobel de Química para: ∙ Walter Norman Haworth (Reino Unido) polas investigacións en carbohidratos e síntese da vitamina C. ∙ Paul Karr (Suíza) polas investigacións en carotenoides, flavinas e vitaminas A e B2.

1938 Descóbrese o mecanismo de produción de enerxía das estrelas. Hans Bethe explicas este mecanismo baseándose en reaccións nucleares que teñen lugar no interior das estrelas.

1939 Müller sintetiza o DDT que é utilizado como pesticida. Obsérvase a fisión nuclear do uranio. Constrúese a primeira radio de frecuencia modulada (FM).

1940 Preséntase o nylon na Feira de Nova Iorque como “a seda sintética feita de carbón, aire e auga”. Nun só día vendéronse 4 millóns de pares de medias.

1942 Utilízase o microscopio de electróns para examinar un virus. Comeza a funcionar o primeiro reactor nuclear. Enrico Fermi realizo a primeira reacción en cadea de fisión nuclear controlada. Prodúcese plutonio (radioactivo) e íllase o uranio-235.

1944 Premio Nobel de Química para Otto Hahn (Alemania) polo descobremento da fisión de núcleos pesados.

1945 Utilízase a bomba atómica (bomba de uranio) en enfrontamentos bélicos. Premio Nobel de Química para Artturi Ilmari Virtanen (Finlandia) polas investigacións e inventos en agroquímica e nutrición, especialmente polo seu método de preservación dos pastos.

1946 Invéntase a datación con carbono-14. Serve para determinar a antigüidade dunha mostra de máis de 50 000 anos. É amplamente usada por arqueólogos, antropólogos e investigadores da Terra. Complétase o primeiro computador electrónico dixital programable.

1947 Termínase de construír o primeiro gran radiotelescopio (aproximadamente 66,50 m). Invéntase o transistor, precursor dos circuítos integrados e dos chips de memoria.

1951 Constrúese o primeiro computador electrónico comercial.

1952 Rosalind Franklin realiza estudos de ADN usando RX.

1953 Concíbese e constrúese o precursor do LASER. Proponse a estrutura de dobre hélice para o ADN.

1954 Próbase a bomba de hidróxeno (bomba H). Nace a fibra óptica. Premio Nobel de Química para Linus Carl Pauling (Estados Unidos) pola descrición da natureza dos enlaces químicos.

1958 Úsanse os ultrasóns por primeira vez en aplicacións médicas. Evita os riscos dos RX. Utilizada en obstetricia e outras aplicacións médicas. Premio Nobel de Química para Frederick Sanger (Reino Unido) pola estrutura das proteínas, especialmente a da insulina.

1960 Constrúese o primeiro LASER (de rubí).

1961 Premio Nobel de Química para Melvin Calvin (Estados Unidos) polas súas investigacións sobre a asimilación do CO2 polas plantas.

1962 Premio Nobel da Paz para Linus Carl Pauling (Estados Unidos) pola súa oposición ás probas nucleares terrestres. Premio Nobel de Fisioloxía e Mediciña para James Watson e Francis Crick (Reino Unido) polo descobremento da estrutura da molécula de ADN.

1963 Premio Nobel de Química para Giulio Natta de Italia e Karl Zeiger (Alemania) pola síntese de polímeros e plásticos.

1965 Descóbrese a vacina contra o sarampelo.

1967 Preséntase o forno de microondas.

1968 Comezan os pasos para prohibir o DDT.

1969 O home chega á Lúa.

1970 Os chips de silicio comezan a estar dispoñibles para as memorias dos computadores. Fabrícase con éxito o primeiro lote de fibras ópticas suficientemente transparentes para comunicacións efectivas.

1971 Introdúcese a Resonancia Magnética Nuclear (RMN) para diagnóstico médico.

1972 Realízase o primeiro exame de Tomografía computerizada (TAC).

1973 “Créase” por primeira vez un tenreiro a partires dun embrión conxelado.

1974 Rowlan e Molina advirten que os CFCs utilizados nos aerosois e nos refrixeradores poderían danar a capa de ozono.

1976 Realízase a primeira proba de conexión de fibra óptica.

1977 Introdúcese o computador Apple II.

1981 Utilízase o láser en cirurxía.

1982 Preséntase o disco compacto (CD).

1985 Curl, Kroto e Smalley descobriron os fullerenos, aínda que a súa existencia fora predita en 1965. Constitúen o fundamento da NANOCIENCIA e da NANOTECNOLOXÍA.

1988 Funciona o primeiro cable transatlántico de fibra óptica.

1989 Exxon Valdez verte 42 millóns de litros de petróleo cru na costa de Alaska. En xaneiro a URSS promete eliminar materiais de armas químicas. Lánzase a World-Wide Web (www).

1990 Comeza a operar o telescopio espacial Hubble.

OBXECTIVOS

Coñecer algúns dos avances científicos do século XX e relacionalos coa época histórica na que se produciron.
Coñecer algúns dos Premios Nobel de Física e Química máis destacados e por que lles foron concedidos eses premios.
Identificar algunhas das substancias químicas máis influíntes no desenvolvemento da Historia da Humanidade, tanto nos seus efectos positivos coma negativos.

ACTIVIDADES

Nota:  Para contestar a maioría destas preguntas terás que buscar información en libros de texto, enciclopedias ou na Internet.

  1. Na 1ª Guerra Mundial, en 1915, o home utilizou contra os seus semellantes a primeira arma química coñecida. ¿Que substancia era? Busca información e explica por que foi utilizada para ese fin.
  2. Sen embargo o gas máis infame e efectivo da 1ª Guerra Mundial foi o “gas mostaza”. Busca información sobre os efectos de dito gas. Utilizouse máis veces?
  3. No mesmo ano no que a casa de Díaz Castro se convirte nunha escola para nenos concédese o Premio Nobel de Química a Frederick Soddy. ¿Por que llo deron? ¿Para que poden ser uteis as súas investigacións?
  4. O amoníaco, de fórmula química NH3, é un composto químico coñecido desde a antigüidade. Na Idade Media utilizouse para tinguir roupa. Hoxe en día forma parte de moitos produtos de limpeza. Nembargantes ten moitos outros usos. Investiga cáles poden ser.
  5. ¿Que feito literario importante acontece na vida de Díaz Castro o mesmo ano no que Sir Alexander Fleming descobreu a penicilina?
  6. Na fotografía aparecen os esposos Pierre e Marie Curie no laboratorio da súa casa. Alí traballaron moi duro para illar elementos químicos radioactivos. ¿Un foi o radio e o outro? Foi a primeira muller en recibir un Premio Nobel. Escribe unha breve biografía de Marie Curie. (Cronoloxía que recolla os principais aspectos da súa vida e da súa obra. Principais aportacións realizadas. Feitos máis destacados)Madame Curie
  7. ¿Como se chama a máquina na que se xeran elementos radioactivos? ¿Pensas que ten algunha utilidade a produción de elementos radioactivos? Se non o tes moi claro, busca información.
  8. Durante a Guerra Civil Española Díaz Castro está na fronte de Asturias. Fai unha breve sinopse dos fitos científicos acaecidos nese tempo.
  9. ¿Que é o DDT? ¿Para que se utilizaba? ¿Por que se deixou de utilizar?
  10. ¿En que ano se leva a cabo a primeira reacción de fisión? Busca información sobre fisión nuclear, reacción en cadea.
  11. Os días 6 e 9 de agosto de 1945 bombardeáronse as cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki. Entre os mortos do propio día do bombardeo, os falecementos posteriores debidos a cancros e patoloxías debidas á exposición á radiación liberada polas bombas… os mortos superaron os 300 000 en Hiroshima e os 200 000 en Nagasaki. Os estadounidenses puxéronlles nome ás bombas de uranio que soltaron sobre estas dúas cidade. Investiga como se chamaban. ¿Cal foi o presidente dos Estados Unidos que ordenou estes ataques nucleares? ¿Serviron estes bombardeos para algo? ¿Poderíase ter logrado o mesmo doutro xeito?Bomba atomica
  12. Le o seguinte texto e contesta ás preguntas: “…Creo que o descubrimento da fisión controlada de núcleos atómicos e a liberación
    controlada de enerxía nuclear é o maior achádego realizado desde que o home primitivo descubriu o uso controlado do lume. Un só quilo de material fisionable, como fonte de enerxía, equivale a máis de dous millóns de quilogramos de carbón. Se se ten en conta a abundancia de material fisionable na natureza, compréndese a promesa de enerxía nuclear que representa para o mundo do futuro, e a posibilidade de que contribúa grandemente ao benestar humano, se a civilización non é aniquilada antes pola guerra. Non podemos quedar impasibles ante a posibilidade de que estes importantes descubrimentos científicos poidan ser utilizados para o sufrimento e o exterminio da humanidade. Debemos oponernos a toda costa á escalada de
    armamentos e ao uso da enerxía nuclear para fins bélicos… “ Linus Pauling (1950)
    a)  ¿Cres que a Ciencia é neutral? ¿Débense limitar os avances científicos?
    b)  ¿É responsable o científico da inadecuada utilización dos seus descubrimentos?
  13. No ano 1946 gaña o premio literario nos Xogos Florais de Betanzos. ¿Que presentou ao concurso? ¿Que sucedeu no mundo científico-tecnolóxico nese mesmo ano?
  14. Desde 1952 ata 1966 Díaz Castro traballa no Instituto da Cultura Hispánica do CSIC. Elixe tres feitos científicos que consideres determinantes na historia da Humanidade.
  15. No mesmo ano da publicación de “Nimbos” morre un dos seus mellores amigos. ¿Quen? Tamén nese ano foille entregado o Premio Nobel de Química a Melvin Calvin. Explica por que.
  16. Busca información sobre as posibles utilidades da NANOTECNOLOXÍA.
  17. ¿En que ano morreu a súa dona? Nese mesmo ano funcionou o primeiro cable transatlántico de fibra óptica. Nese  mesmo ano, ¿que se estreou no Festival de Pardiñas?
  18. ¿Que significa www? ¿Para que serve?
  19. En 1990 fáiselle unha homenaxe a Díaz Castro en Xermolos. Ese mesmo ano, morre no Hospital de Lugo. Busca información sobre o telescopio que comezou a operar ese mesmo ano.
  20. Valora criticamente sopesando aspectos positivos e negativos, o papel xogado pola ciencia na historia da humanidade.