A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

A arquitectura do Vilariño

Organizádevos en grupos de catro. Necesitaredes papel, bolígrafos, cámara fotográfica e un pouco de imaxinación. Coa información e as fotos que fagades durante o percorrido teredes que facer unha presentación para clase. Tentade imaxinar como sería o lugar cando Díaz Castro naceu hai cen anos. Na paisaxe, nas construcións, quedan moitas pegadas desa época. Imos tratar de fixarnos nelas.

1.- UNHA PAISAXE TRANSFORMADA

Hai cen anos os cultivos máis importantes eran o trigo, o centeo, o millo, as patacas e as nabizas. Dependendo a época do ano a terra estaría arada ou ocupa por un destes cultivos e as cores variarían dende o marrón ó amarelo pasando por mil matices de verdes. As terras de cultivo ocupaban a maior parte do espazo arredor das aldeas.

1.1-. Fíxate agora no que te rodea. Que ves. Indica de 1 a 4 o máis abundante.

Prados:
Cultivos:
Monte baixo:
Bosque:

1.2-. A que cres que se debe a diferencia?

 

1.3-. Como en moitas partes de Galicia algunhas propiedades sepáranse mediante valados ou muros. ¿Que razóns pode haber para pechar as terras de cultivo?

 

1.4-. Dependendo dos materiais dispoñibles, da capacidade económica dos propietarios e do obxectivo, pódense usar diferentes tipos de valados: madeira, pedra, sebes, arame…. Aínda que nunha mesma zona úsanse diferentes tipos, hai algúns máis característicos. Indica os máis frecuentes e de que material son. ¿Cales cres que son modernos e cales antigos?

valados

2.- AS CASAS

2.1-. O lugar do Vilariño conserva moitas construcións que seguro xa estaban aquí cando naceu Díaz Castro, entre elas a súa casa. Pero tamén hai algunha construción moderna. ¿Podes diferenciar as antigas das modernas? ¿En que se diferencian?

 

 

2.2-. ¿De que material son os muros? Dos modelos que tes aquí escolle o que máis se parece ós muros das casas que atopes. Fai algunha foto dos diferentes tipos.

valados2

2.3-. Fíxate nos diferentes tipos de vans (ocos). Indica que tipos son máis frecuentes na planta baixa e cales no primeiro andar.

valados3

2.4-. ¿Por que hai esa diferencia? ¿Cres que ten que ver cos diferentes usos que se lles da as espacios interiores? ¿Por que se fan eses ocos tan estreitos na planta baixa?

 

2.5-. Fíxate nas cubertas. ¿Como son? ¿De que material están feitas?

 

2.6-. Ademais de vivenda a casa labrega é tamén o centro dunha explotación agrícola. Pensa que podería necesitar a casa dunha familia labrega que cultivase trigo, centeo, millo, patacas, nabizas e tivese algún gando (unhas vacas, algúns porcos)

 

2.7-. Fíxate neste alzado. ¿Cres que se parece ás vivendas do lugar? Fíxate no plano da planta baixa. ¿Para que se usan a maior parte dos espazos? Fíxate que hai unha serie de construcións, algunhas delas integradas na vivenda, que cumpren unha función relacionada coa actividade agrícola e gandeira. ¿Cales son? ¿Que haberá no primeiro andar?

Alzado casa tradicional chairega

As veces estas construcións non están pegadas ou integradas na casa-vivenda, pero sempre cerca delas. Mira ó teu arredor a busca estas construcións: alpendres, palleiras, hórreos.

3-. ALPENDRES

Pendello, cobertizo, chozo, alboio…Espazo de almacenamento para os trebellos necesarios para o traballo (arado, carro, grade, legóns…), almacenar leña, toxo, palla, herba… se non hai unha construción específica para facelo. Utilizábase tamén para facer certos traballo artesanais a cuberto (arranxar ferramentas, traballos de carpintería, cortar leña etc. Pode estar no edificio principal (na casa-vivenda), ser unha construción adosada a esta ou un edificio illado. Con frecuencia está pechado so por tres das súas caras. Hainos tamén pechados polas catro caras cun portalón de madeira ou abertos por dúas caras, con piares de pedra para suxeitar a cuberta. As veces o alpendre fai tamén de palleira

3.1-.No lugar hai varios alpendres. Describe como son (forma, muros, cuberta). Fai unha foto de cada un deles. ¿Para que se usan agora?

Construccions adxacentes arquitectura chairega

 

 

4-.AS PALLEIRAS

O seu uso fundamental é gardar a herba e a palla que serve para alimentar ó gando e facer a cama das cortes. Ten que construírse con máis coidado que un simple alpendre, pois vai gardar un produto perecedoiro e moi importante para a economía familiar. Está cerca da vivenda e das cortes das vacas. Ás veces pode estar adosada á vivenda principal pero con máis frecuencia adoita ser unha construción independente, cun ou dous andares (o superior é a barra). Neste caso a planta terrea adoita usarse como alpendre. Os muros poden ser todos de pedra, sobre todo nas esquinas, ou cunha parte feita con esteos de madeira, de xeito que deixen circular ben o aire. Normalmente teñen un gran portón nas dúas plantas (se as hai) para poder introducir e sacar con facilidade a palla ou a herba e facilitar a aireación.

 

Palleiras arquitectura chairega

 

4.1-. Cres que algún das construcións do lugar correspondese con este modelo de palleira. Como é? Como son os muros? Cantos andares ten?

 

 

4.2-. Por que cres que a palleira ten que estar ben aireada?

 

5-. A EIRA

Trátase dun espacio o mais chairo posible, ben cunha superficie de terra alisada ou cuberto con lousas de pedra. Neste caso poden levar un reborde duns 20 cm para impedir que o gran saia fora durante a malla. Fanse nun lugar ben soleado e aireado para aventar o gran despois da mallar. Hai eiras comunais de todos os veciños dun lugar que se usan por turnos e eiras particulares, dunha casa. Neste caso faise cerca da palleira onde se vai almacenar a palla. O seu uso principal era facer nela a malla, no mes de agosto. O resto do anos podíase usar para outras cousas.

Eiras arquitectura chairega

 

Na eira realizábase, no mes de agosto, unha das labores máis importantes do calendario agrícola, a malla. Consistía en separar o grao de trigo ou centeo da palla, para despois almacenalo por separado. A malla tradicional requiría moitos homes e mulleres polo que se xuntaban todos os veciños do lugar para se axudar uns ós outros. Facíase co malle. Os mollos de trigo ou centeo bótanse no chan da eira e os home dispóñense en dúas ringleiras e baten a ritmo, as veces marcados con cancións co pértego nas espigas para separar o gran. Despois as mulleres apañan a palla por un lado e cunha vasoira xuntan todo o gran que quedou no chan para aventalo co pandeiro e peneiralo. A malla remata cunha boa comida e, se hai, música e festa. Así que a eira era tamén un espazo de encontro e festa. Coa chegada das máquinas malladores cambiou a forma de mallar, pero non o lugar nin o feito de se xuntar varios veciños para se axudar.

Nestes versos Diaz Castro recolle este momento da chegada das novas máquinas:

Sagradas noites d´agosto:
¡Que de veces un cantar
oín da boca sin dentes
dunha vella sepulcral
que daba voltas ó fuso
recuada no portal
mentras s´oían as falas
dos rapaces no pallar
i-oíase o doce arume
das máquinas de mallar!
…..

Divinas noites d´agosto
vida, amor, felicidá
ceio cargado d´estrelas,
airas cubertas de pan

5.2-. A que se refire o poema cando fala das airas cubertas de pan? No poema faise referencia a otro traballo que facían as mulleres, Cal é?

 

 

6-.O HÓRREO

O hórreo é a construción máis destacada e chamativa da arquitectura popular galega. Está moi vinculado ó cultivo do millo, pois a súa función primordial foi a de graneiro para secar e conservar as espigas do millo. Para cumprir esta función os muros teñen que impedir que penetren a chuvia e o sol ó tempo que facilitan a circulación do aire, co fin de asegurar a desecación das espigas de millo. Para facilitar a conservación é necesario illar a cámara de humidade do chan. Por último, precisase tamén impedir que os pequenos roedores poidan acceder á cámara. O hórreo cumpre estupendamente todas estas condicións. O tamaño ou cantidade de hórreos dunha casa simbolizan tamén a riqueza da casa pola cantidade de millo a gardar. Trátase dun elemento chamativo e coida máis a estética que outras construcións: boa cantería, decoración, remates no cumio…

6.1-. Como se fai para que o interior do hórreo este illado da choiva e ó tempo ben aireado?

 

6.2-. Como se fai para illalo da humidade do chan

 

 

6.3-. En que elementos aprecias unha maior preocupación “estética” no hórreo? A que cres que se debe?

 

 

6.4 Que outros usos teñen o hórreos? Cando se introduce o cultivo do millo en Galicia?

 

 

 

6.5 Fíxate nos modelos de hórreo e indica cal se parece máis ó do Vilariño

Horreos arquitectura chairega

 

IMAXES:
Historia de Galicia II. Akal, Madrid, 1979
Caamaño Suarez, M., As construccións da arquitectura popular; patrimonio etnográfico de Galicia, Hércules de ediciones, A Coruña, 2006
Tomo XXIII Arquitectura. Economía. Proxecto Galicia. Hércules de ediciones, A Coruña