A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

Os cultivos tradicionais

No traballo tradicional do campo, había catro cultivos fundamentais nas casas: o centeo, o millo, as patacas e a herba. Aquí podes saber un pouco máis de como e cando se traballaba cada un deles.

Centeo

O centeo era un dos cultivos máis importantes, debido a que era un alimento básico para os homes, xa que facían con el o pan, e tamén o era para o gando. Este cereal ocupaba a maior parte das terras de cultivo, nos barbeitos e agras das aldeas.

Primeiro arábase e pasábase a grade. Sementábase a man, poñendo lindes á terra cada catro ou cinco metros para que a semente non quedara moi amontonada. Todos estes traballos eran feitos polos da casa, pero moitas veces contaban coa axuda dos veciños.

Tamén sementábase nas searas (fincas que se abrían no monte) Durante o verán abríanse as searas no monte onde se ía sementar centeo. O traballo, realizado polos homes, facíase máis duro co calor de agosto. Había que rozar e logo romper a terra cunha cambela ou con aixadas para voltear as raíces. Logo, unha vez secas, amoreábanse facendo tolas e queimábanse, esparexendo despois a cinza que servía como abono. Así quedaban ata a sementeira a principios do outono.

Nas últimas semanas de xullo chegaba o momento da colleita do centeo e do trigo. Segábase con fouciños, facendo logo mollos que se deixaban un tempo amontoados de pé, para que secasen algo. Despois carretábanse cara á eira, onde se facían as medas para gardar o centeo ata o momento da malla. As medas facíanse colocando os mollos en sentido radial, coas espigas cara ó centro, amontoados uns sobre os outros, ata rematar a construción cunha forma cónica.

En agosto facíase a malla. Á malla acudía moita xente, establecéndose unha quenda para que uns veciños puidesen axudar aos outros. Ó que lle tocaba mallar o seu tiña que poñer o almorzo e o xantar e acudir logo á malla dos demais. Ó centeo estendíase na eira coa espiga no mesmo sentido. Despois os homes colocábanse en dúas filas, unha fronte a outra, e comezaban a bater co mallo no centeo, alternando ritmicamente os golpes dunha banda e doutra, competindo entre eles por bater con máis regularidade e forza. Dábaselle volta á airada e repítese a operación.

Despois, homes, mulleres e nenos ían recollendo a palla amontoándoa para levala logo ó palleiro. Cando xa estaba toda recollida, entraban as mulleres con vasoiras de xesta e rodos para xuntar o gran, botándoo nunha manta. Namentres os homes, despois de se refrescar con algo de viño, preparaban outra airada, as mulleres cribaban o centeo e metíano en sacos, para levalo á casa, onde se gardaba nas arcas. Rematado o traballo, os donos da malla debían ofrecer o xantar.

Millo

Entre maio e xuño, dependendo das zonas, sementábase o millo. Traíase o estrume nun carro e íase amoreando na terra para, logo, cunha aixada estendelo ben. Despois abríanse os regos co arado e botábase a semente, máis ou menos espallado segundo fose para o consumo ou para o gando. Despois tapábanse os grans con aixadas e pasase a grade. Para evitar os ataque dos paxaros colocábanse espantallos.

Polo mes de xullo sachase con aixadas ou sachos para enderezar as prantas e preparase para facer as regas, pois o millo precisa auga no verán. En setembro, xa case entrando no outono chegaba o momento de recoller o millo para fariña. A pranta córtabase co fouciñas e levábase nos carros cara a casa onde se deixaba un tempo na palleira ou no alpendre, arrimada a una parede para que secase máis.

Despois ven a esfolla. Faise na baixo un alpendre ou na eira e nela colaboraban os veciños e prolongábase ata a noitiña, convertindo  así o traballo tamén en festa. As follas que protexen a espiga (o cosco) deixábanse secar na palleria e podían servir para facer conchóns. A canas servían para alimentar o gando e as espigas gardábanse no horreo ata o momento de o degrañar, ou debulla,  de separar o gran.

Isto as veces íase facendo segundo se necesitaba ó longo do ano, pero habitualmente a comenzos de verán debullábase todo o que quedaba. As veces facíase na eira ou no alpendre. Por ultimo o gran gardábase en arcas na casa.

Patacas

A finais de marzo ou primeiros de abril, aproveitando o bo tempo, sementábanse as patacas. Cun arado de pao abríanse os sucos onde, os que ían detrás do arador, botaban esterco e  pataca. Despois facíase outra arada para tapala.

No mes de maio cavábase a leira coa picaña ou pasábaselle o rastro para evitar que as malas herbas dificultasen o crecemento das plantas. Xa en setembro, xa case entrando no outono chega o momento de recoller as patacas.

Herba

En abril os homes da familia traballaban nos prados, arranxando os desperfectos que lles ocasionaba o gando, co fin de que a herba medrase sen ningún impedimento. No mes de xuño segábase a herba. Cando o traballo era moito os da casa soían ter axuda dos veciños, que logo debían devolver.

O traballo comezaba cedo, os homes segaban coa gadaña, parando de cando en vez para pasar a pedra polo fío para afinalo ben. Tras rematar a sega as mulleres e os nenos estendían ben a herba coa forcada para que secase. Despois había que darlle a volta para que lle dera o sol polos dous lados.

Unha vez seca xuntábase co angazo  en moreas, cargábase coas gallas nun carro e levábase á casa para gardala na palleira ou amorealas en medas ou “palleiros” parecidos ós que sa facían co centeo. Estas medas fanse amoreando a herba arredor dun esteo que lle serve de soporte. A medas podíase cubrir cun colmo de palla para que non entrase a chuvia nela, reforzado con vergas ou varas para defendelo.