A lus do mundo

Tralas pegadas de Díaz Castro — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

As estacións e o campo

Hai cen anos o ritmo da vida nas aldeas viña marcado polos  diferentes traballos agrícolas que se facían en cada estación. En parte semella similar ó actual, pois estes traballos veñen, en gran medida, marcados pola climatoloxía, polo ritmo das estacións, polo ciclo de crecemento das plantas e polo terreo, e iso non mudou. Sen embargo convén destacar algunhas diferencias importantes. A mecanización era practicamente inexistente. O arado de pau con tracción animal era a ferramenta fundamental e o carro o principal medio de transporte. O cambio que trouxo a mecanización afectou á forma e ritmo do traballo, facéndoo máis rápido, levadeiro e reducindo a necesidade de axudas vecinais.

Inverno

Noite de inverno. Os camiños
foxen por entre os valados
coma corzos espantados
(Follas Verdes, 1934)

No inverno, de días curtos e fríos, os traballos no campo diminúen. O tempo empregábase en facer traballos no casa como amañar os apeiros da labranza. As noites longas do inverno aproveitábane para fiar a la e o liño.

Pese ó frío non faltaban traballos que facer no campo. Xaneiro era o mellor mes para sementar os allos na horta (tantos días pasan de xaneiro como allos faltan no alleiro) e entrando en Febreiro, os chícharos. Tamén era tempo de recoller os nabos para o gando sementados en agosto en terras de centeo ou en outubro trala colleita das patacas.

Nalgúns sitios sementábase, xa en xaneiro, o pan serodio, nas terras en barbeito dende a colleita das patacas. Utilizábase o arado de pao, tirado por unha parella de bois ou vacas e guiado polo home da casa. Despois pasábase a grade e o canizo para desfacer os balocos. Noutros lugares atrasábase este labor ata marzo.
En marzo, xa case entrando na primavera, se o tempo era bo, principiábase a preparación da terra para a sementeira das patacas nas leiras en barbeito dende xullo (terras de centeo) ou nas que se levantaran os nabos en xaneiro. Nas primeiras comezábase por sachar para xuntar os restos que quedaran en boreas e prenderlles lume para despois estender a cinza e facer unha arada. Nas segundas pasábase a grade antes de abonar con estrume e arar.

A finais do inverno, cando os días eran máis longos e menos fríos, sacábase con máis frecuencia o gando a pastar, traballo que moitas veces realizaban os nenos da casa. De paso amañábanse os regos para a primavera.

Entre xaneiro e febreiro, no minguante da lúa, cortábase a madeira no monte. O traballo precisaba moita xente, sobre todo para o transporte da leña en carros, polo que os veciños prestábanse axudas. Cada un aportaba o seu carro e a súa xugada, recibindo a mesma axuda cando cortasen eles. Aproveitaban tamén para facer estadullos novos para os carros.

Empregábanse machados para cortar as canas e as árbores máis novas. Gran parte da leña obtíñase da limpa dos carballos, cortando as canas sobrantes e a cabeza, para que non medraran máis cara arriba. Cando os carballos eran grosos, utilizábase tamén o tronzador e a madeira empregábase para facer trabes, pontóns, táboas do piso e aparellos de labranza.

Primavera

Xa chega, xa ven
A reina do Edén
traguida, traguida por mans misteriosas
no seu carro divino de rosas
(Follas Verdes, 1934)

A finais de marzo ou primeiros de abril, aproveitando o bo tempo, sementábanse as patacas. Cun arado de pao abríanse os sucos onde, os que ían detrás do arador, botaban a semente. Despois facíase outra arada para tapala. No mes de maio cavábase a leira coa picaña ou pasábaselle o rastro para evitar que as malas herbas dificultasen o crecemento das plantas.

No comezo de primavera botábanse os semilleros das hortalizas (leitugas, tomates, pementos, remolacha), para transplantalas, xa a principios de maio ó horto, para consumilos no verán e sementábanse as fabas. Entre abril e maio as mulleres botaban tamén o liño, escollendo terras boas e ben regadas. Despois había que regalo ata que chegase o momento de arrincalo en xullo.

En abril os homes da familia traballaban nos prados, arranxando os desperfectos que lles ocasionaba o gando, co fin de que a herba medrase sen ningún impedimento. No mes de xuño segábase a herba. Cando o traballo era moito os da casa soían ter axuda dos veciños, que logo debían devolver.

O traballo comezaba cedo, os homes segaban coa gadaña, parando de cando en vez para pasar a pedra polo fío para afinalo ben. Tras rematar a sega as mulleres e os nenos estendían ben a herba coa forcada para que secase. Despois había que darlle a volta para que lle dera o sol polos dous lados.

Unha vez seca xuntábase co angazo  en moreas, cargábase coas gallas nun carro e levábase á casa para gardala na palleira ou amorealas en medas ou “palleiros” parecidos ós que sa facían co centeo. Estas medas fanse amoreando a herba arredor dun esteo que lle serve de soporte. A palleira podíase cubrir cun colmo de palla para que non entrase a chuvia nela, reforzado con vergas ou varas para defendelo do vento.

Entre maio e xuño, dependendo das zonas, sementábase o millo. Traíase o estrume nun carro e íase amoreando na terra para, logo, cunha aixada estendelo ben. Despois abríanse os regos co arado e botábase a semente, máis ou menos espallado segundo fose para o consumo ou para o gando. Despois tapábanse os grans con aixadas ou pasando novamente o arado. Para evitar os ataque dos paxaros colocábanse espantallos.
Así entre estes traballos ía pasando a primavera e achegándose o verán cos seus traballos e as súas festas.

Verán

Divinas noites de agosto
vida, amor, felicidá;
ceio cargado de estrelas,
airas cubertas de pan…

Nas últimas semanas de xullo chegaba o momento da colleita do centeo e do trigo. Segábase con fouciños, facendo logo mollos que se deixaban un tempo amontoados de pé, para que secasen algo. Despois carretábanse cara á eira, onde se facían as medas para gardar o centeo ata o momento da malla. As medas facíanse colocando os mollos en sentido radial, coas espigas cara ó centro, amontoados uns sobre os outros, ata rematar a construción cunha forma cónica. Medas

En agosto facíase a malla. Á malla acudía moita xente, establecéndose unha quenda para que uns veciños puidesen axudar aos outros. Ó que lle tocaba mallar o seu tiña que poñer o almorzo e o xantar e acudir logo á malla dos demais.

Ó centeo estendíase na eira coa espiga no mesmo sentido. Despois os homes colocábanse en dúas filas, unha fronte a outra, e comezaban a bater co mallo no centeo, alternando ritmicamente os golpes dunha banda e doutra, competindo entre eles por bater con máis regularidade e forza. Dábaselle volta á airada e repítese a operación.

Despois, homes, mulleres e nenos ían recollendo a palla amontoándoa para levala logo ó palleiro. Cando xa estaba toda recollida, entraban as mulleres con vasoiras de xesta e rodos para xuntar o gran, botándoo nunha manta. Namentres os homes, despois de se refrescar con algo de viño, preparaban outra airada, as mulleres cribaban o centeo e metíano en sacos, para levalo á casa, onde se gardaba nas arcas.

Rematado o traballo, os donos da malla debían ofrecer o xantar.

Durante o verán abríanse as searas no monte onde se ía sementar centeo. O traballo, realizado polos homes, facíase máis duro co calor de agosto Había que rozar e logo romper a terra cunha cambela ou con aixadas para voltear as raíces. Logo, unha vez secas, amoreábanse facendo tolas e queimábanse, esparexendo despois a cinza que servía como abono. Así quedaban ata a sementeira a principios do outono.

En agosto, trala colleita de centeo, sementábanse nesas leiras os nabos. Queimábanse os restos que quedasen e esparexíanse as cinzas. Despois arábase, botábase a semente e pasábase a grade. Nesta estación recóllense tamén as fabas, as cebolas e os allos.

En setembro, xa case entrando no outono chegaba o momento de recoller o millo para fariña. A pranta córtabase co fouciñas e levábase nos carros cara a casa onde se deixaba un tempo na palleira ou no alpendre, arrimada a una parede para que secase máis.

Despois ven a esfolla. Faise na baixo un alpendre ou na eira e nela colaboraban os veciños e prolongábase ata a noitiña, convertindo  así o traballo tamén en festa. As follas que protexen a espiga (o cosco) deixábanse secar na palleria e podían servir para facer conchóns. A canas servían para alimentar o gando e as espigas gardábanse no horreo ata o momento de o degrañar, ou debulla,  de separar o gran.

Isto as veces íase facendo segundo se necesitaba ó longo do ano, pero habitualmente a comenzos de verán debullábase todo o que quedaba. As veces facíase na eira ou no alpendre. Por ultimo o gran gardábase en arcas na casa.

Outono

Chega o outono, meu ben, o non chamado
chega o outono.
Oubea o vento, están caendo as follas
están caendo os días…
Está caendo todo

O outono é a estación na que as árbores se preparan para soportar un duro inverno, deixando caer as súas follas. Pero non son só as árbores as que se preparan, senón que, tamén os labregos preparan a terra para que na primavera aparezan os esperados froitos. Os traballos do outono principian coa colleita das patacas e do millo.

Nesta estación sementábanse o trigo e o centeo, e inxertábanse diferentes árbores frutais, como as ameixeiras, pexegueiras e cerdeiras.
O centeo era, na época dos nosos avós, un dos cultivos máis importantes, debido a que era un alimento básico para os homes, xa que facían con el o pan, e tamén o era para o gando. Este cereal plantábase nas searas (fincas que se abrían no monte) e nos barbeitos e agras.

As searas preparábanse como xa vimos durante o verán. Despois, tanto nas searas como nos barbeitos arábase e pasábase a grade. Sementábase a man, poñendo lindes á terra cada catro ou cinco metros para que a semente non quedara moi amontonada. Todos estes traballos eran feitos polos da casa, pero moitas veces contaban coa axuda dos veciños.

Tamén nesta época recóllese un froito tan común na nosa terra como son as castañas. O primeiro que se facía era limpar o souto, despois cunha vara de cinco ou oito metros eran sacudidas. As castañas apañábanse e levábanse ó caínzo, e os ourizos apañábanse co fuste (madeira flexible) e íanse acumulando nunha ouriceira ata que maduraran, e entón sacábanselles as castañas.
Así entre moitos traballos e algunhas festas pasaban o ano os labregos destas terras.