A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

Os xogos do neno Pepe

  • Autoría
    Noemí Balsa, Leticia Barbadillo
  • Duración
    20 min
  • Ideal para
    Realizar ó aire libre ou en excursións
  • Materias
    Educación Física
  • Compartir en
    facebook, twitter

Arrincar cebolas, un xogo de A lus do mundo

No tempo de Díaz Castro a vida social e a diversión estaban moi ligadas ás romaxes e ós eventos relixiosos, algo que en Galicia aínda pasa moito. Son moitas as romaxes que hai no país e aínda que todas teñen un motivo relixioso ó final son tamén unha ocasión para xuntarse cos amigos, xantar e bailar, ou no caso dos nenos, xogar.

Era igual cando Díaz Castro era un cativo. Entón, os nenos divertíanse co que tiñan, que non era moito máis que a imaxinación, unhas pedras ou cordas. Os nosos alumnos e alumnas preguntáronlle ós avós e ós pais como xogaban eles e estes son algúns dos xogos tradicionais máis mencionados. Para poñelos en práctica propoñemosvos relacionalos con algunha das romaxes que hai en Guitiriz.

A CADEA

No Buriz celébrase a romaxe do Carmio, coñecida como a dos quintos. Os quintos son os homes que eran mandados a facer o servizo militar. Así que imos xogar a pillar en cadea. O que apanda ter que ir pillando collido da man dos que xa estean pillados. Cando haxa máis de catro na cadea pódese dividir e non se pode sair da zona marcada.

E quen apanda? Para ir á mili había que ter unha altura e como ós máis altos cústalles agacharse, a proba é pasar polo limbó.  O que non pase na segunda ronda apanda.

TIRASOGA

Díaz Castro menciona nos seus poemas a romaxe de Bascuas. Na igrexa de Bascuas gárdase unha chave que din que ten o poder de curar a rabia nos animais e nas persoas. Para iso quentábase a chave e púñase na fronte dos cans ou onde a persoa fora mordida. A rabia, por certo, xa está erradicada.

Imos competir por esa chave co tirasoga. O reto é tirar da corda que ten unha chave pendurada do punto intermedio. Gañará o que leve a chave por detrás da súa liña. Para xogar faremos dous grupos, dun lado os que teñan can e doutro os que non.

ARRINCAR CEBOLAS

Outra romaxe de Guitiriz é a da Pastoriza, na igrexa de San Alberte. A ela acudía quen tiña problemas de fala a beber da fonte para sanar. No seguinte xogo hai que estar ben calados. Esta romaxe faise a finais de agosto, así que vai apandar quen nacera máis preto do 20 de agosto.

O xogo chámase arrincar cebolas. Hai que poñerse en fila cos máis altos detrás e sentarse no chan agarrados pola cintura. Esa é a fila de cebolas e o que apanda ten que intentar arricarvos da fila tirando polos pulsos. Se che arrincan ou falas pasas a axudar ó arrincador tirando con el agarrado á súa cintura.

Se queredes saber máis sobre xogos tradicionais podedes buscar na web de Brinquedia, a Rede Galega do Xogo Tradicional