A lus do mundo

Tralas pegadas de Díaz Castro — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

Versos xeolocalizados

Este exercicio pode practicarse durante unha visita a Guitiriz ou co roteiro virtual Tralas Pegadas de Díaz Castro.

O alumnado debe:

  1. Facer unha fotografía -ou debuxo- que ilustre e poña imaxe aos versos.
  2. Asociar o que din os versos  (sen ter en conta o título do poema -en negriña-) a algún punto do roteiro. Utiliza para isto as iniciais dos lugares visitados (p.ex: V=Vilariño, Bu=Buriz, Ba=Báscuas, P=Parga, G=Guitiriz…).
  3. Reconstruír, a partir do contido destes versos, o roteiro emocional…de Díaz Castro.

Vísperas

Nas puntiñas dos pés a festa chega ao río,
i anésgase, larmeira, á beiriña do río.
Despois vólvese tola: brinca o río berrando,
e pérdese nos vimbios e as xesteira bailando.

Cova alumada

Pra aló do mundo, un sol
sin noite nin hestoria
busca a ruína esquencida
i énchea toda de groria.

Vísperas

Chora o ameneiro en soños (que ben se oín os muíños!),
e chora polo tempo perdido nos camiños.

Coma unha espada

I as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
pro no enterran a boca da ferida!
A beleza fireume para sempre.

Coma brasas

Eí están, coma brasas contra a noite,
as vellas cousas cheas de destinos.

Vísperas

Ai como está de bágoas de nenos feito o río!
Este é o Porto-Muíños todo en sombras, o río.
A Virxe pasa a mau polo lombo do río

Esmeralda

Herba pequerrechiña
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sin ti.

Cortina

Nesa tarde cargada de lorbagas,
veu o Silencio. Xa tras del as fragas,
perdidas coma ovellas, a zuar.
Tras del o fillo, a casa i a muller.
Morreu. Os bois volveron a pacer
e tralo arado as pegas a brincas.

No resplandor do día

Quero morrer de música nunha tarde de pinos
sin sentir o martelo dun recordo no sangue.