A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

As pegadas de Díaz Castro

Neste roteiro están marcados os lugares, paisaxes, xentes e anécdotas da vida de Díaz Castro. Os contidos siguen unha orde cronolóxica aproximada.

O obxectivo é que podades descubrir o universo de Díaz Castro con vídeos, fotografías e audios creados ou recopilados polo instituto e tamén arquivo persoal do poeta que conserva Xermolos.

1. Vilariño dos Cregos

Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro de 1914 na Casa do Cidre, no Vilariño dos Cregos, unha aldea de Guitiriz da parroquia dos Vilares. Fillo de Manuela e Isidro, foi o terceiro de catro irmáns: Antonio, María, el e máis Serafín, o pequeno. A súa era unha casa de labregos acomodada e seu pai foi escribinte do Concello de Trasparga secretario do Sindicato Agrario Católico dos Vilares.

Na aldea había tan so tres familias, todas elas con gran tradición eclesiástica e por iso chamábanlle o Vilariño dos Cregos, xa que nela chegou a haber nove curas. Dous deles fundaron a capela en 1792 e na que Díaz Castro serviu como monaguillo.

2. A casa familiar no Vilariño

Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro de 1914 na Casa do Cidre, no Vilariño dos Cregos. Fillo de Manuela e Isidro, foi o terceiro de catro irmáns: Antonio, María, el e máis Serafín, o pequeno. Era unha casa de labregos acomodada. Seu pai foi escribinte do Concello de Trasparga una tempada e secretario do Sindicato Agrario Católico dos Vilares.

Nesta casa naceu o poeta e foi onde aprendeu as primeiras letras xa que foi escola tres anos mentras se construía a da Conchada, nos Vilares. Era ademais unha casa de letras, con libros e xornais.

A súa era unha familia de labregos acomodada.

Hai unha irmandá íntima entre as cousas / que eu, borracho de amor, canto, como hai / unha amiga relación entre as lousas / que a testa che cobren, ti que te apousas / entre o pinar, ouh casa do meu pai

(Follas ó Aire, 1934)

3. A escola de ferrado do Buriz

Durante un tempo, Díaz Castro acudiu á escola de Doña Clotilde, no Buriz, unha escola de ferrado na que a mestra era unha veciña que cobraba en gran polos seus ensinos. Este camiño ó Buriz, ó caron do río Porto, influiu moito na súa alma de poeta.

En 1921 comeza recibir leccións na súa propia casa, xa que o mestre Manuel Cordeiro é asignado ós Vilares, pero a escola estaba aínda en construcción.

ESMERALDA

HERBA pequerrechiña
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sin ti,
por que de ser pequena
te me avergonzas ti?
O Universo sería
máis pequeno sin ti!

(Nimbos, 1961)

4. Capela de Vilariño dos Cregos

Esta aldea chámase Vilariño dos Cregos,porque entre as tres familias que vivían aquí chegou a haber nove cregos. Dous deles fundaron en 1792 esta capela na que o neno Pepe (Díaz Castro), axudaba á misa como monaguillo.

É un bo exemplo da arquitectura relixiosa rural e aquí coñeceremos a importancia social e lúdica que tiñan no rural os eventos relixiosos o cal experimentaremos practicando varios xogos populares.

Esta capela pode considerarse un símbolo da importancia da relixión na infancia de Díaz Castro, xa que é unha capela bastante importante para un núcleo tan pequeno como o Vilariño, con tan só tres familias e no que chegou a haber ata nove curas. Na casa de Díaz Castro vivían ademáis dúas tías solteiras e moi relixiosas que xunto co seu pai, incentivaron nel a vocación relixiosa.

Así, cumpridos os quince anos Díaz Castro deixa a casa familiar por vez primeira para ingresar no seminario de Mondoñedo, onde estivo ata despois da Guerra Civil e onde coñeceu a moitos poetas e amigos. Non rematou os estudos eclesiásticos o cal supuxo un desencontro persoal co seu pai, xa que naquela época un cura na familia é símbolo de prestixo social.

A pesares de non chegar a ordearse sacerdote, Xosé María mantivo fortes crenzas relixiosas toda a súa vida e de feito, Deus e a mística da relixión están moi presentes na súa poesía, o que lle valeu o rechazo dunha parte da intelectualidade galega dos anos sesenta cando publicou o seu poemario Nimbos.

5. A escola da Conchada, Vilares

A escola da Conchada, no lugar das Reixas nos Vilares, rematouse no nadal de 1923 e foi financiada pola Juventud dos Villares en Cuba, un colectivo de emigrantes entre os que había dous tíos de Díaz Castro. Aquí foi onde o neno Pepe rematou os seus estudos de primaria e onde xa destacaría polas súas redaccións. De feito gañou un premio cun traballo sobre a xesta do piloto Ramón Franco cruzando o Atlántico.

Algúns dos poemas inéditos de Díaz Castro teñen unha inspiración infantil:

Carteiro, dame isa carta,
que xa bén sei de quén é.
Carteiro: daca isa carta,
e non me deixes morrer.

 

6. Alto de Suatorre, Montouto

A paisaxe da súa infancia influiu moito en Díaz Castro, quen percorría os camiños buscando restos arqueolóxicos, identificando plantas e insectos… E foi a esa paisaxe á que adicou os seus primeiros versos, a maioría en castelán. Con 12 anos adicoulle un ó Pico de Suatorre, na Serra de Montouto e que publicou en El Progreso Villabés en 1931.

7. Igrexa do Buriz

O interese de Díaz Castro polos idiomas foi crecendo parello á súa formación para a carreira ecelesiástica, para a cal o educaron dende moi neno. Compaxinaba os seus estudos na escola dos Vilares con pasantías de latín na casa parroquial do Buriz.

8. A ponte de Porto Cancelo

Díaz Castro destacou moi novo pola súas dotes coas letras e arredor de 1926 leu un relatorio na inauguración da ponte do Porto Cancelo, proposto polo seu mestre Vicent Fabregat. Hoxe non queda rastro desa ponte, que facilitaba o camiño entre Vilares e Parga, xa que foi substituida pola nova estrada, pero moi preto hai un muíño.

9. Muíño de Portomuíño

Aínda que o seu entorno vital aparece

10. Ermida de Bascuas

O mundo dun neno de aldea de hai cen anos abríase sobre todo para ir a feiras e romaxes, auténticas viaxes e acontecementos sociais. A romaxe de Bascuas era unha das máis importantes e famosa pola tradición da chave coa que se curaban as mordeduras da rabia. Consistía en quentar a chave e marcar con ela ó can na fronte e ó ferido na mancadura.

A igrexa, así como a colección de arte relixioso son responsabilidade de Alfonso Blanco Torrado, párroco e coordinador da AC Xermolos. Para concertar unha visita pódese chamar ó teléfono 646 41 38 90.

11. Seminario de Mondoñedo

Con 15 anos Díaz Castro é ingresado no seminario de Mondoñedo para iniciar os seus estudos eclesiásticos. Alí coñecería a outros poetas que marcaron a súa traxectoria, como Aquilino Iglesia Alvariño quen lle inculcou a paixón por escribir en galego. Dende aquí mandou os seus primeiros poemas para ser publicados a revistas relixiosas e xornais da contorna, a maioría aínda en castelán.

12. A Chousa da Fonte

Nas vacacións do seminario Díaz Castro regresaba ó Vilariño onde seguía a escribir versos, moitas veces en recunchos que para el eran moi especiais, como esta fonte á que se chega polo camiño que parte por detrás da aldea do Vilariño cara o Buriz.

A natureza fou unha das principais inspiracións da súa poesía e así o representamos na videodanza que podedes ver neste parada.

13. Igrexa dos Vilares

A do día 7 nos Vilares era unha das feiras que Díaz Castro non perdía. Alí chamábanlle o estudante e foi nunha destas feiras cando protahonizou unha anécdota que foi recreada na película Os camiños esquencidos. Díaz Castro intervén nunha disputa entre un mestre republicano e o párroco, quen se resistía a poñer a bandeira tricolor no adro da igrexa.

14. Campo da feira de Parga

Parga foi durante moito tempo o núcleo de referencia dos veciños de Guitiriz, que foi Concello de Trasparga ata mediados do século XX. A feira de Parga segue sendo hoxe un referente na provincia de Lugo e celébrase dous días ó mes. Ademais de visitar o campo da feira, onde se conservan os antigos alpendres, o núcleo de Parga ten outros puntos de interese como o barrio de Santo Estebo, construido sobre un castro ou o muíño da Ruxida.

 

15. Santuario de San Alberte

O poema que faría máis famoso a Díaz Castro foi Penélope na que o autor fala de que o tempo vai de Parga a Pastoriza. Refírese Díaz Castro á feira da Pastoriza que se celebraba ata hai uns anos na capela de San Alberte, unha das máis fermosas de Guitiriz. Era o terceiro domingo de maio e a ela acudían xentes con problemas de fala para curarse coas augas da súa fonte.

16. A viaxe do heroe

A estación de Gutiriz inaugurouse o 10 de outubro de 1875, coa apertura do tramo A Coruña-Lugo. Dende ese momento o ferrocarril influiu na vida social e económica da vila que pola súa situación ten sido sempre un cruce de camiños.

A esta estación e máis á de Parga chegaba Díaz Castro para pasar as vacacións no Vilariño, ata o día que regresou para quedarse, como o heroe da Elíada. Por iso, a proposta para esta parada é analizar o poema de Penélope e a viaxe do heroe.

17. Casa das Palabras

É a sede da Asociación Cultural Xermolos, e onde Díaz Castro se refuxiaba na súa etapa en Guitiriz. Aquí consérvase o legado do poeta, fotografías, manuscritos, poemas inéditos, etc, e recibiu unha homenaxe poucos meses antes de morrer.

A Casa das palabras conta cunha extensa biblioteca e por iso adicamos esta parada ó léxico de Nimbos. Podedes bucear nas verbas máis empregadas polo autor e nas formas da Terra Chá tan presentes na súa poesía.

 

18. Casa Habanera

Neste edificio estivo o primeiro instituto de secundaria e bacharelato de Guitiriz. Rehabilitado nos últimos anos, na actualidade é unha biblioteca e centro onde se celebran actos como o das Letras Galegas de 2014.

Nel, antes da súa restauración, foi onde Díaz Castro deu o seu primeiro recital en Galicia en 1984. A ese recital acudiron moitos veciños e amigos e tamén poetas ós que coñeceu ese día como Manuel María.

19. A apócema poética

Aquí, tódolos mércores hai feira, así que non hai que explicar o nome. É un lugar de encontro ó lado da igrexa de Santa María de Lagostelle e no parque hai unha escultura adicada a Díaz Castro cos versos de Esmeralda.

Neste lugar o poeta pasou horas cos nenos, cos que tiña unha especial conexión. É posible que os animase a escribir versos, como coa dinámica de literatura de cordel que vos propoñemos. O que van atopar é unha apócema poética.

20. Portomuíño

O muíño do Portomuíño está situado a menos de dous kilómetros da aldea do Vilariño onde naceu Díaz Castro. Aquí escribiu o poema Vísperas. É un muíño ben conservado á carón dun regato bastante caudaloso.

O muíño está no camiño ó Buriz, unha ruta que el facía moito para ir á escola de Doña Clotilde, ás pasantías de latín ou ás romaxes. Xa de maior, pasaba por aquí ó solpor para ir ás cantinas a atoparse cos amigos.

Hai varias maneiras de chegar a Portomuíño, a máis sinxela é seguindo a estrada do Buriz. Non ten moito tráfico pero levade roupa reflectante. É un paseo de 20 minutos ida e outros 20 de volta. Unha vez pasada a ponte da estrada remontades a beira do río uns cen metros cara o norte e alí, entre árbores, atoparedes o muíño.

Unha vez alí lede Vísperas ou escoitade como o recita o poeta:

VÍSPERAS

POLOS DÍAS do Carmio a festa chega ó río.
Unha música ardente vén no aire coma un río
de recordos. Foguetes lonxanos cain no río.
Este é o Porto-Muíño, todo en lapas, o río.

O río está deitado coma un boi remoendo,
i o Tempo non sei que anda rente del remexendo.
As bágoas do ameneiro cain pola noite abaixo,
e fan ceios pequenos de estrelas aló embaixo.

Nas puntiñas dos pés a festa chega ó río,
i anésgase, larmeira, á beiriña do río.
Despois vólvese tola: brinca o río berrando,
e pérdese nos vimbios e as xesteiras beilando,

i acéndese nos vidros da aldeia chea de anos,
i ergue a meiga as pálpebras de animás e cristianos…
Chora o ameneiro en soños (Que ben se oin os muíños!),
e chora polo tempo perdido nos camiños.

Ai como está de bágoas de nenos feito o río!
Este é o Porto-Muíño, todo en sombras, o río.
A Virxe pasa a mau polo lombo do río…

21. Homenaxe a Esmeralda

No campo da feira de Guitiriz hai un conxunto escultórico adicado ó poeta. Trátase dun libro cos versos de Esmeralda.

Neste lugar, onde se celebra a feira municipal cada mércores, o poeta pasou moitas horas nos anos nos que regresou a Guitiriz xa xubilado. Gustaba de estar cos nenos, cos que os veciños recordan que tiña unha especial conexión.

22. IES Poeta Díaz Castro

Este percorrido literario comeza no noso instituto, que leva o nome do poeta dende 1994 a iniciativa do seu amigo e principal divulgador Alfonso Blanco Torrado, quen tamén dá clase no centro.

O IES Poeta Díaz Castro é tamén un símbolo da recuperación da súa memoria xa que boa parte da actividade sobre a obra do poeta apóiase no noso traballo recollido nesta mesma web,na que colaborou Xermolos.