A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

As pegadas de Díaz Castro

Neste roteiro están marcados os lugares, paisaxes, xentes e anécdotas da vida de Díaz Castro. Os contidos siguen unha orde cronolóxica aproximada.

O obxectivo é que podades descubrir o universo de Díaz Castro con vídeos, fotografías e audios creados ou recopilados polo instituto e tamén arquivo persoal do poeta que conserva Xermolos.

1. Vilariño dos Cregos

  • Coñecíase como o Vilariño dos Cregos por haber moitos curas
  • O Vilariño é un aldea da Terra Chá na que vivían tres familias
  • A capela da aldea foi construida polas dúas casas veciñas á de Díaz Castro
1/3

Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro de 1914 na Casa do Cidre, no Vilariño dos Cregos, unha aldea de Guitiriz da parroquia dos Vilares. Fillo de Manuela e Isidro, foi o terceiro de catro irmáns: Antonio, María, el e máis Serafín, o pequeno. A súa era unha casa de labregos acomodada e seu pai foi escribinte do Concello de Trasparga secretario do Sindicato Agrario Católico dos Vilares.

Na aldea había tan so tres familias, todas elas con gran tradición eclesiástica e por iso chamábanlle o Vilariño dos Cregos, xa que nela chegou a haber nove curas. Dous deles fundaron a capela en 1792 e na que Díaz Castro serviu como monaguillo.

2. A casa familiar no Vilariño

  • Díaz Castro no documental Nimbos de poesía
  • Díaz Castro, sentado á esquerda, cos pais, irmáns e unha tía
  • Díaz Castro naceu nesta casa no Vilariño dos Cregos
  • A casa leva anos deshabitada e foi deixada polo poeta á AC Xermolos
  • O hórreo e palleiras que foran da súa casa dan conta da boa posición da familia
  • Penedo no que Díaz Castro xogaba de pequeno
1/6

Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro de 1914 na Casa do Cidre, no Vilariño dos Cregos. Fillo de Manuela e Isidro, foi o terceiro de catro irmáns: Antonio, María, el e máis Serafín, o pequeno. Era unha casa de labregos acomodada. Seu pai foi escribinte do Concello de Trasparga una tempada e secretario do Sindicato Agrario Católico dos Vilares.

Nesta casa naceu o poeta e foi onde aprendeu as primeiras letras xa que foi escola tres anos mentras se construía a da Conchada, nos Vilares. Era ademais unha casa de letras, con libros e xornais.

A súa era unha familia de labregos acomodada.

Hai unha irmandá íntima entre as cousas / que eu, borracho de amor, canto, como hai / unha amiga relación entre as lousas / que a testa che cobren, ti que te apousas / entre o pinar, ouh casa do meu pai

(Follas ó Aire, 1934)

3. A escola de ferrado do Buriz

  • Caderno escolar de Díaz Castro conservado en Xermolos
  • A escola de ferrado de Doña Clotilde, no Buriz
  • Praderías de camiño ó Buriz
1/3

Durante un tempo, Díaz Castro acudiu á escola de Doña Clotilde, no Buriz, unha escola de ferrado na que a mestra era unha veciña que cobraba en gran polos seus ensinos. Este camiño ó Buriz, ó caron do río Porto, influiu moito na súa alma de poeta.

En 1921 comeza recibir leccións na súa propia casa, xa que o mestre Manuel Cordeiro é asignado ós Vilares, pero a escola estaba aínda en construcción.

ESMERALDA

HERBA pequerrechiña
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sin ti,
por que de ser pequena
te me avergonzas ti?
O Universo sería
máis pequeno sin ti!

(Nimbos, 1961)

4. Capela de Vilariño dos Cregos

  • Nesta capela, construida por cregos do Vilariño, axudou Díaz Castro
  • A capela foi construida en 1792 e permanece en mans privadas
1/2

Esta aldea chámase Vilariño dos Cregos,porque entre as tres familias que vivían aquí chegou a haber nove cregos. Dous deles fundaron en 1792 esta capela na que o neno Pepe (Díaz Castro), axudaba á misa como monaguillo.

É un bo exemplo da arquitectura relixiosa rural e aquí coñeceremos a importancia social e lúdica que tiñan no rural os eventos relixiosos o cal experimentaremos practicando varios xogos populares.

Esta capela pode considerarse un símbolo da importancia da relixión na infancia de Díaz Castro, xa que é unha capela bastante importante para un núcleo tan pequeno como o Vilariño, con tan só tres familias e no que chegou a haber ata nove curas. Na casa de Díaz Castro vivían ademáis dúas tías solteiras e moi relixiosas que xunto co seu pai, incentivaron nel a vocación relixiosa.

Así, cumpridos os quince anos Díaz Castro deixa a casa familiar por vez primeira para ingresar no seminario de Mondoñedo, onde estivo ata despois da Guerra Civil e onde coñeceu a moitos poetas e amigos. Non rematou os estudos eclesiásticos o cal supuxo un desencontro persoal co seu pai, xa que naquela época un cura na familia é símbolo de prestixo social.

A pesares de non chegar a ordearse sacerdote, Xosé María mantivo fortes crenzas relixiosas toda a súa vida e de feito, Deus e a mística da relixión están moi presentes na súa poesía, o que lle valeu o rechazo dunha parte da intelectualidade galega dos anos sesenta cando publicou o seu poemario Nimbos.

5. A escola da Conchada, Vilares

  • As escola foi construida con cartos dos emigrados a Cuba
  • Primeira promoción da escola, marcados Díaz Castro e Serafín
  • Detalle do caderno escolar de Díaz Castro conservado en Xermolos
  • Xesta do Plus Ultra redactada por Díaz Castro
1/4

A escola da Conchada, no lugar das Reixas nos Vilares, rematouse no nadal de 1923 e foi financiada pola Juventud dos Villares en Cuba, un colectivo de emigrantes entre os que había dous tíos de Díaz Castro. Aquí foi onde o neno Pepe rematou os seus estudos de primaria e onde xa destacaría polas súas redaccións. De feito gañou un premio cun traballo sobre a xesta do piloto Ramón Franco cruzando o Atlántico.

Algúns dos poemas inéditos de Díaz Castro teñen unha inspiración infantil:

Carteiro, dame isa carta,
que xa bén sei de quén é.
Carteiro: daca isa carta,
e non me deixes morrer.

 

6. Alto de Suatorre, Montouto

  • Pico de Suatorre, na Serra de Montouto (foto: Raúl Río)
  • Díaz Castro conservou moitos recortes das súas publicacións
  • Este camiño parte da casa de Díaz Castro e leva á Serra de Montouto
  • A serra de Montouto vista dende a estrada da Labrada
1/4

A paisaxe da súa infancia influiu moito en Díaz Castro, quen percorría os camiños buscando restos arqueolóxicos, identificando plantas e insectos… E foi a esa paisaxe á que adicou os seus primeiros versos, a maioría en castelán. Con 12 anos adicoulle un ó Pico de Suatorre, na Serra de Montouto e que publicou en El Progreso Villabés en 1931.

7. Igrexa do Buriz

  • Díaz Castro recitando o poema Alfa i omega
  • Xunto a igrexa do Buriz celebrábase a romaría do Carmio
  • Na aira desta igrexa consérvanse unhas lápidas romanas
  • Buriz, como Os Vilares, é terra de canteiros como mostra o seu cemiterio
  • Esta é a casa parroquial onde studaba latín, hoxe unha casa particular
1/5

O interese de Díaz Castro polos idiomas foi crecendo parello á súa formación para a carreira ecelesiástica, para a cal o educaron dende moi neno. Compaxinaba os seus estudos na escola dos Vilares con pasantías de latín na casa parroquial do Buriz.

8. A ponte de Porto Cancelo

  • Preto do Porto Cancelo atopamos un muíño cunha fervenza
  • O Muíño de Arxán atópase moi ben conservado
  • Nalgúns penedos aínda se diferencian as rodeiras dos carros do paso antigo
  • O camiño ó muíño parte da estrada, seguindo por un sendeiro á esquerda
1/4

Díaz Castro destacou moi novo pola súas dotes coas letras e arredor de 1926 leu un relatorio na inauguración da ponte do Porto Cancelo, proposto polo seu mestre Vicent Fabregat. Hoxe non queda rastro desa ponte, que facilitaba o camiño entre Vilares e Parga, xa que foi substituida pola nova estrada, pero moi preto hai un muíño.

9. Muíño de Portomuíño

Aínda que o seu entorno vital aparece

10. Ermida de Bascuas

  • A romería da virxe de Bascuas celébrase o 15 de agosto
  • O santuario ten unha exposición de arte relixioso que pode visitarse
  • A chave de Bascuas era utilizada para curar as mordeduras de cans con rabia
  • Xunto ó santuario hai un campo con esculturas e unha fonte de orixe romana
1/4

O mundo dun neno de aldea de hai cen anos abríase sobre todo para ir a feiras e romaxes, auténticas viaxes e acontecementos sociais. A romaxe de Bascuas era unha das máis importantes e famosa pola tradición da chave coa que se curaban as mordeduras da rabia. Consistía en quentar a chave e marcar con ela ó can na fronte e ó ferido na mancadura.

A igrexa, así como a colección de arte relixioso son responsabilidade de Alfonso Blanco Torrado, párroco e coordinador da AC Xermolos. Para concertar unha visita pódese chamar ó teléfono 646 41 38 90.

11. Seminario de Mondoñedo

  • Con quince anos Díaz Castro ingresa no seminario de Mondoñedo
  • No seminario estudou linguas clásicas e algunha extranxeira
  • Díaz Castro destacou no seminario pola súa afección polas letras
  • Este seminario foi o berce poético de moitos autores lucenses
1/4

Con 15 anos Díaz Castro é ingresado no seminario de Mondoñedo para iniciar os seus estudos eclesiásticos. Alí coñecería a outros poetas que marcaron a súa traxectoria, como Aquilino Iglesia Alvariño quen lle inculcou a paixón por escribir en galego. Dende aquí mandou os seus primeiros poemas para ser publicados a revistas relixiosas e xornais da contorna, a maioría aínda en castelán.

12. A Chousa da Fonte

  • Fragmento de "Os camiños esquencidos" inspirado na xuventude de Díaz Castro
  • A Chousa da Fonte era un dos seus lugares preferidos para ler e escribir
  • Xosé María (dta) cos seus irmáns durante a súa etapa de seminarista
1/3

Nas vacacións do seminario Díaz Castro regresaba ó Vilariño onde seguía a escribir versos, moitas veces en recunchos que para el eran moi especiais, como esta fonte á que se chega polo camiño que parte por detrás da aldea do Vilariño cara o Buriz.

A natureza fou unha das principais inspiracións da súa poesía e así o representamos na videodanza que podedes ver neste parada.

13. Igrexa dos Vilares

  • Fragmento da película Os camiños esquencidos inspirado nunha anécdota real
  • Fronte a igrexa dos Vilares atópanse as tres cruces, onde aínda se faia festa
  • No acceso ó cemiterio hai dúas caveiras feitas por un tío avó de Díaz Castro
1/3

A do día 7 nos Vilares era unha das feiras que Díaz Castro non perdía. Alí chamábanlle o estudante e foi nunha destas feiras cando protahonizou unha anécdota que foi recreada na película Os camiños esquencidos. Díaz Castro intervén nunha disputa entre un mestre republicano e o párroco, quen se resistía a poñer a bandeira tricolor no adro da igrexa.

14. Campo da feira de Parga

  • Díaz Castro recita Monumento á ausencia
  • Fotografía de Díaz Castro (sentado) cun amigo na feira de Parga
  • Díaz Castro co seu irmán Serafín (esquerda) e outros amigos
  • Na feira de Parga aínda hoxe atópase gando e artesanía
  • Dende a feira pódese visitar o casco antigo de Parga
  • A igrexa de Santo estebo forma parte do conxunto monumental
  • Tamén conservan restos dunha torre medieval
  • Dende o campo da feira pódese visitar o muíño da Ruxida
1/8

Parga foi durante moito tempo o núcleo de referencia dos veciños de Guitiriz, que foi Concello de Trasparga ata mediados do século XX. A feira de Parga segue sendo hoxe un referente na provincia de Lugo e celébrase dous días ó mes. Ademais de visitar o campo da feira, onde se conservan os antigos alpendres, o núcleo de Parga ten outros puntos de interese como o barrio de Santo Estebo, construido sobre un castro ou o muíño da Ruxida.

 

15. Santuario de San Alberte

  • Díaz Castro recita Penélope. Entrevista de Xulio Xiz, 1985
  • O santuario de San Alberte, xunto ó río Parga
1/2

O poema que faría máis famoso a Díaz Castro foi Penélope na que o autor fala de que o tempo vai de Parga a Pastoriza. Refírese Díaz Castro á feira da Pastoriza que se celebraba ata hai uns anos na capela de San Alberte, unha das máis fermosas de Guitiriz. Era o terceiro domingo de maio e a ela acudían xentes con problemas de fala para curarse coas augas da súa fonte.

16. A viaxe do heroe

  • Na estación de tren de Guitiriz analizaremos o regreso

A estación de Gutiriz inaugurouse o 10 de outubro de 1875, coa apertura do tramo A Coruña-Lugo. Dende ese momento o ferrocarril influiu na vida social e económica da vila que pola súa situación ten sido sempre un cruce de camiños.

A esta estación e máis á de Parga chegaba Díaz Castro para pasar as vacacións no Vilariño, ata o día que regresou para quedarse, como o heroe da Elíada. Por iso, a proposta para esta parada é analizar o poema de Penélope e a viaxe do heroe.

17. Casa das Palabras

  • A Casa das Palabras ten unha extensa biblioteca
  • Busto e abrigo de Díaz Castro conservados na Casa das Palabras
  • Díaz Castro na homenaxe que lle fixeron na Casa das Palabras en 1990
1/3

É a sede da Asociación Cultural Xermolos, e onde Díaz Castro se refuxiaba na súa etapa en Guitiriz. Aquí consérvase o legado do poeta, fotografías, manuscritos, poemas inéditos, etc, e recibiu unha homenaxe poucos meses antes de morrer.

A Casa das palabras conta cunha extensa biblioteca e por iso adicamos esta parada ó léxico de Nimbos. Podedes bucear nas verbas máis empregadas polo autor e nas formas da Terra Chá tan presentes na súa poesía.

 

18. Casa Habanera

  • Salón de actos da Casa Habanera
  • No ático do edificio hai unha biblioteca
1/2

Neste edificio estivo o primeiro instituto de secundaria e bacharelato de Guitiriz. Rehabilitado nos últimos anos, na actualidade é unha biblioteca e centro onde se celebran actos como o das Letras Galegas de 2014.

Nel, antes da súa restauración, foi onde Díaz Castro deu o seu primeiro recital en Galicia en 1984. A ese recital acudiron moitos veciños e amigos e tamén poetas ós que coñeceu ese día como Manuel María.

19. A apócema poética

  • Aquí celébrase feira tódolos mércores
  • Este reloxo analemático está nun dos laterais da praza
1/2

Aquí, tódolos mércores hai feira, así que non hai que explicar o nome. É un lugar de encontro ó lado da igrexa de Santa María de Lagostelle e no parque hai unha escultura adicada a Díaz Castro cos versos de Esmeralda.

Neste lugar o poeta pasou horas cos nenos, cos que tiña unha especial conexión. É posible que os animase a escribir versos, como coa dinámica de literatura de cordel que vos propoñemos. O que van atopar é unha apócema poética.

20. Portomuíño

  • Díaz Castro recita Vísperas (Xulio Xiz, 1985)
  • Portomuíño, mencionado no poema Vísperas
1/2

O muíño do Portomuíño está situado a menos de dous kilómetros da aldea do Vilariño onde naceu Díaz Castro. Aquí escribiu o poema Vísperas. É un muíño ben conservado á carón dun regato bastante caudaloso.

O muíño está no camiño ó Buriz, unha ruta que el facía moito para ir á escola de Doña Clotilde, ás pasantías de latín ou ás romaxes. Xa de maior, pasaba por aquí ó solpor para ir ás cantinas a atoparse cos amigos.

Hai varias maneiras de chegar a Portomuíño, a máis sinxela é seguindo a estrada do Buriz. Non ten moito tráfico pero levade roupa reflectante. É un paseo de 20 minutos ida e outros 20 de volta. Unha vez pasada a ponte da estrada remontades a beira do río uns cen metros cara o norte e alí, entre árbores, atoparedes o muíño.

Unha vez alí lede Vísperas ou escoitade como o recita o poeta:

VÍSPERAS

POLOS DÍAS do Carmio a festa chega ó río.
Unha música ardente vén no aire coma un río
de recordos. Foguetes lonxanos cain no río.
Este é o Porto-Muíño, todo en lapas, o río.

O río está deitado coma un boi remoendo,
i o Tempo non sei que anda rente del remexendo.
As bágoas do ameneiro cain pola noite abaixo,
e fan ceios pequenos de estrelas aló embaixo.

Nas puntiñas dos pés a festa chega ó río,
i anésgase, larmeira, á beiriña do río.
Despois vólvese tola: brinca o río berrando,
e pérdese nos vimbios e as xesteiras beilando,

i acéndese nos vidros da aldeia chea de anos,
i ergue a meiga as pálpebras de animás e cristianos…
Chora o ameneiro en soños (Que ben se oin os muíños!),
e chora polo tempo perdido nos camiños.

Ai como está de bágoas de nenos feito o río!
Este é o Porto-Muíño, todo en sombras, o río.
A Virxe pasa a mau polo lombo do río…

21. Homenaxe a Esmeralda

  • Campo da feira Guitiriz

No campo da feira de Guitiriz hai un conxunto escultórico adicado ó poeta. Trátase dun libro cos versos de Esmeralda.

Neste lugar, onde se celebra a feira municipal cada mércores, o poeta pasou moitas horas nos anos nos que regresou a Guitiriz xa xubilado. Gustaba de estar cos nenos, cos que os veciños recordan que tiña unha especial conexión.

22. IES Poeta Díaz Castro

  • Un verso de Díaz Castro recibe no hall do centro (Foto Suso Pena)
  • IES Poeta Díaz Castro, acceso
  • IES Poeta Díaz Castro, pavillón cuberto
  • IES Poeta Díaz Castro, biblioteca escolar
1/4

Este percorrido literario comeza no noso instituto, que leva o nome do poeta dende 1994 a iniciativa do seu amigo e principal divulgador Alfonso Blanco Torrado, quen tamén dá clase no centro.

O IES Poeta Díaz Castro é tamén un símbolo da recuperación da súa memoria xa que boa parte da actividade sobre a obra do poeta apóiase no noso traballo recollido nesta mesma web,na que colaborou Xermolos.