A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

O bosque de Díaz Castro

CARBALLO

Quercus robur (do latín quercus, “carballo” + robur “forte, de madeira resistente”).
Quercus robur L. (ás veces considerado Quercus pedunculata) coñécese normalmente como carballo común, carballo veriño, carballo bravo ou simplemente carballo.

Carballo_ as árbores de Díaz Castro

O carballo é unha árbore anxiosperma da familia das fagáceas, caducifolia, que ronda os 15-20 metros de altura. É unha árbore robusta, que pode vivir varios séculos e acadar os 40 metros de altura con pólas que comezan xa desde a parte inferior.

É a árbore por excelencia de Galicia. A toponimia galega está chea de referencias a esta árbore (fitotoponimia): Carballal, Carballedo, O Carballiño, A Carballa, etc. Aparece tamén en moitos apelidos: Carballo, Carballedo, etc.

A especie máis achegada é o carballo albar (Quercus petraea),moi semellante, que tamén atopamos no leste de Galicia. Q. robur distínguese deste por ter un peciolo máis curto e un porte máis torto. Ás veces hibrídanse dando o Quercus × rosacea.

O Quercus robur é unha árbore monoica de grande envergadura e folla caduca (ás veces no sur de Galicia marcescente) duns 15-20 metros de alto (excepcionalmente acada os 40 m.) A circunferencia vai dos 4 aos 12 m. nas carballas máis vellas. O tronco é groso e curto, a casca cincenta ou acastañada, crebada. A copa é ampla, ovada ou irregular. Soen darse as formas tortas e bugallos.

  • Follas: O Q. robur ten as follas de 7–14 cm de longo. alternas, simples, caedizas, peciolo curto de 2-7 mm longo., e lámina obovada, glabra, pinnatilobada, con 4-6 pares de lóbulos desiguais, anchos, ovado-oblongos, redondeados no ápice. Nalgúns exemplares, especialmente no sur de Galicia onde o clima é máis temperado, a folla non chega a caer no inverno aínda que si cambia a cor (marcescencia).
  • Flores: unisexuais, as masculinas en candeas penduradas e amarelas, pequenas, con cálice 5-7-lobado e 5-10 estames. Flores femininas subsésiles, en grupos de 2(3) penduradas no extremo dun longo pedúnculo, cada unha con involucro basal ou cúpula formada por numerosas brácteas escuamiformes soldadas entre si, cálice moi reducido e un xineceo tricarpelar sincárpico de ovario ínfero e 3 estilos.
  • Froito: de tipo noz (landra) oblongo, duns 2 cm. de longo, de pericarpo liso, verde-pardo, apiculado, con cúpula endurecida a xeito de carapucho, pouco áspera, denominada cascabullo.
  • Florece na primavera, ao mesmo tempo que agroman as follas (rebentos vermellos); as landras maduran a finais do verán e caen a principios do outono.

No seu hábitat é de salientar a importancia ecolóxica do carballo pola cantidade de especies asociadas ao mesmo, especialmente insectos . Numerosas especias moran nas follas, gromos, bugallos e landras. O carballo comporta máis biodiversidade de insectos herbívoros que ningunha outra especie en Galicia, máis de 400 especies. As landras son unha boa fonte de alimento para moitos mamíferos pequenos e paxaros. Os mamíferos, especialmente os esquíos, que tenden a apañar landras e outras noces e agochalas, soterrándoas, a cotío favorecen a reprodución do carballo.

 

BUDIO

O budio, bidueiro branco ou bidueiro péndulo (Betula pendula) (sin. B. verrucosa, Ehrh.) é unha árbore caducifolia do xénero Betula. É orixinaria de Eurasia. Segundo a teoría máis aceptada, o seu nome galego (bidueiro) procedería do latín betūlla que á súa vez procedería da verba betu que era coma os celtas designaban o bidueiro.

Budio_ as árbores de Díaz Castro

 

Ten un característico toro xeralmente delgado (aínda que ocasionalmente pode chegar até os 2 metros de diámetro), coa casca dun branco puro característico, que na base do toro escurece e amosa fendas coa idade. Os exemplares novos teñen a casca acastañada, coma a da cerdeira. O sistema radical é superficial e estendido.

A copa é máis ou menos ovada, follosa, mais de pouca sombra, coas pólas case ergueitas.

As franzas e os rebentos son glabros, con glándulas resinosas. Os gomos son agudos.

A follas miden uns 6 cm, dos cales 1/3 é o pecíolo. Este é cilíndrico, o que o fai distinguilo do xénero Populus. Os nervios son rectilíneos, e chegan a acadar a marxe foliar (diferenza co lamigueiro negro (Populus nigra)).

Florea a finais do inverno, estando os amentos masculinos (candeas) xa formados polo outono. Estes son sentados e lampinos e miden uns 3-6cm e aparecen en grupos de 2 ou 3. As flores masculinas aparecen 3 flores por cada bráctea, cada unha con dous estames de filamento bífido. As flores femininas aparecen en amentos solitarios de 1.5-3.5cm que chegan a soportar 3 flores acalamídeas con estilos filiformes.

O froito é unha sámara bialada, con ás máis largas que a propia noz; despréndense en grupos de 3 xunto a bráctea. Integran un acio cilíndrico bastante compacto que se va desintegrando co tempo. É unha especie de doada xerminación e diseminación.

 

O bidueiro pubescente ou simplemente bidueiro ou bido (Betula pubescens Ehrh. sin.: Betula alba) é unha árbore esvelta e caducifolia do xénero Betula, da familia das betuláceas que medra nas zonas húmidas. Caracterízaa a casa abrancazada do toro. Común en Galicia, a subespecie celtiberica: (B. pubescens Ehrh. subsp. celtiberica (Rothm.& Vasc.) Rivas Mart.; B. celtiberica Rothm. & Vasc.)

Ademais existen numerosas variantes dialectais: albelo, bedugo, bedulo, bídalo, bido, budio, abedugo, bideiro e bidro.

Árbore caducifolia que acada os 10-30 m de altura, cunha copa de uns 70 cm de diámetro, cuxas follas presentan unha cor abrancazada por mor ao indumento que portan, o que dota de dita cor á árbore enteira. Ditas follas son ovadas, co ápice agudo, acuminadas, de 2 a 5 cm de lonxitude e de 1,5 a 4,5 de largo, coa marxe finamente serrada. As flores, en forma de amentos, chamados candeas, xorden na primavera, antes de que a árbore recupere as follas. Os froitos son agregados péndulos, cilíndricos, de 1 a 4 cm de lonxitude e de 5 a 7 de diámetro; ditas infrutescencias son dehiscentes coa madureza, dando lugar a sementes miúdas (de 2 mm) dobremente alíferas (disámaras).

A diferenza do bidueiro branco (Betula pendula), o bidueiro pubescente, posúe rebentos lisos, e é máis liso e posúe menos indumento que aquel. Ademais, a serradura da marxe é máis constante e leve. En canto á xenética, existen diferenzas taxativas: o bidueiro branco B. pendula é diploide, mentres que o B. pubescens é tetraploide. Respecto das súas características ecolóxicas, este bidueiro prefire terreos pouco drenados, moi saturados da auga, a diferenza, de novo, co B. pendula, que require unha maior sequidade.

Nos clareiros dos bidueirais medra gran cantidade de xanzá (Gentiana lutea) que se aproveita, así coma uces brancas, extensos tapices de arandeiras e xestas. En Galicia é frecuente en todo o territorio, mesturándose entre as especies das fragas ou formando bidueirais. No sur do país é unha das especies de ribeira. Non ten grandes esixencias de solo polo que soe aproveitar terreos degradados por lumes, medrando incluso nos noiros das autoestradas.

 

AMIEIRO

O amieiro (Alnus glutinosa), tamén coñecido por ameneiro ou abeneiro, é unha árbore do xénero Alnus, da familia das betuláceas.
Atópase en toda Europa, Siberia e norte de África. É a árbore por excelencia das ribeiras galegas.

Amieiro_ as árbores de Díaz Castro
Árbore de ribeira que pode acadar uns 25 m de altura.
A folla é caediza de 6 a 12 cm de longo con pecíolos curtos (5-10 cm), de cor verde escura, pola face anterior e un chisco máis clara polo revés, limbo arredondado e con extremidade truncada. Unha orixinalidade é que fican verdes até a súa caída no outono. Con 5 a 8 pares de nervios paralelos. Faces de pelos abrancazados ou arroibados nas axilas do revés. Cando agroman na primavera, resultan algo pilosas, ficando moi cedo sen pelos. As follas novas e os gomos son moi pegañentos cando son novos, con características glándulas resinosas. Xemas estreitas e ovoides, clara e grosamente pedunculadas en forma de maza co extremo arredondado, de cor parda avermellada ou violácea, con frecuencia punteadas moi finamente de branco por secrecións céreas, as terminais maiores cás laterais. Inserción espiraliforme no ramiño. Atópanse cubertas por 3 escamas, das que só dúas son visíbeis.

 

Florea antes de aparecer as follas. Os amentos masculinos (chamados candeas), de 5 a 10 cm, son delgados, cilíndricos e pénsiles, de coloración avermellada. Os femininos son máis miúdos (2 cm) e de cor marrón escura a negro, duros e algo lígneos, gardando certa semellanza cos conos das coníferas. Cando as sementes miudiñas e aladas son ceibadas, os conos fican na árbore, a miúdo durante todo o inverno.
Os amieiros propáganse de xeito doado por semente, malia botaren abundantes chupóns da raíz. As raíces moi estendidas en superficie. Perde logo a raíz principal e desenvolve numerosas raíces secundarias oblicuas e outras terciarias verticais de ancoraxe forte, máis fondas, o que lle permite resistir enchentes. En condicións de chea continuada produce raíces adventicias tenras e ramificadas polo toro. Nas raíces superficiais posúe nódulos ( de 2 a 12 cm de diámetro) fixadores de azote atmosférico, asociado á bacteria Actinomyces alni.

O amieiro necesita ter as súas raíces permanentemente mergulladas. Atura enchentes periódicas sempre que haxa renovación de auga corrente.

Son árbores de especial importancia ecolóxica, a base do toco dos amieiros é un prezado refuxio para pequenos vertebrados e invertebrados bentónicos.

 

SALGUEIRO

Os salgueiros son especies pertencentes ao xénero Salix, son plantas con flor da familia das salicáceas. O xénero componse dunhas 400 especies de árbores e arbustos caducifolios que se distribúen polas zonas frías e temperadas do Hemisferio Norte, principalmente en lameiros, brañas, ribeiras e terras húmidas en xeral.

Salgueiro_ as árbores de Díaz Castro

É un xénero orixinario do hemisferio norte que vive en zonas de clima frío ou temperado, con solos máis ben húmidos ou achegados a charcas ou correntes de auga.

Hai unhas 350 especies de salgueiros. O xénero presenta moitos problemas taxonómicos e de nomenclatura, xa que existe unha grande variedade morfolóxica segundo especies.

Son árbores, arbustos ou mesmo matogueiras. As pólas son, polo xeral, flexíbeis. Todos son plantas caducifolias. As follas son en xeral alongadas (similares ás follas da amendoeira, especialmente na especie Salix amygdaloides), normalmente dispostas de maneira alterna ao longo da póla.

Son plantas de sexualidade dioica, é dicir, que desenvolve os caracteres masculinos e femininos en plantas separadas. As flores dispoñense agrupadas en candeas (gatiños) e o froito é unha càpsula con varias sementes (4-8), do tamaño dunha décima de milímetro cada unha, facilmente dispersábeis polo vento.

Son plantas que arraigan moi ben dunha estaca ou escallo (reprodución vexetativa), gozando de medra rápida. Por contra, as sementes perden viabilidade en cousa de días.
En Galicia a especie máis común é o salgueiro bravo ou cincento.
Especies en Galiza

  • Salix alba , salgueiro branco;
  • Salix atrocinerea, salgueiro bravo, zao ou salgueiro negro, é a especie máis abundante en Galiza, moi empregada para formar sebes e choer ou pechar leiras;
  • Salix aurita, salgueiro orelludo;
  • Salix babylonica, salgueiro chorón (ornamental)
  • Salix caprea, salgueiro cabuxo; aparece nas montañas orientais de Lugo e Ourense.
  • Salix eleagnos, salgueiro sarga, sarga
  • Salix fragilis, salgueiro irto, abundante na Galiza costeira e interior próximo a esta;
  • Salix matsudana, salgueiro tortuoso, salgueiro retorto (ornamental)
  • Salix repens, salgueiro anano, salgueiro rastreiro.
  • Salix salviifolia, Brot., salgueiro nodoso, frecuente nas concas do Sil e Miño,
  • Salix triandra, salgueiro de follas de amendoeira, frecuente en Galiza no treito final da bacía do Miño,
  • Salix viminalis, vimiero ou vimbieira, cultivada e naturalizada en Galiza para tirar os vimes.

 

TEIXO

O teixo (Taxus baccata L.) é unha árbore conífera do xénero Taxus, que correntemente acada entre 12 a 15 metros de altura, da familia das Taxáceas. Moi lonxevo, de medre lento, posúe unha madeira que se presta ben para entallado. Ten partes tóxicas: o latín taxus vén do grego taxon, que significa frecha envelenada. É unha especie moi escasa e ameazada no territorio galego.

Teixo_ as árbores de Díaz Castro

O teixo é unha árbore baixa, se ben excepcionalmente pode atinxir ata 28 metros de altura. O seu perfil é variado cunha cima irregular e un tronco groso, curto e con nós, do que nacen pólas a só uns centímetros do chan. As formas arbustivas son tamén frecuentes.

A cortiza da árbore ten unha cor que oscila entre o castaño vermello, ás veces moi escuro, ata o púrpura. Esta cortiza é bastante fina e desescama con certa facilidade.
As follas son agullas febles, planas e de cor entre o verde escuro por enriba e verde máis claro por embaixo, de base foliar decorrente. Miden polo xeral entre 1 e 4 cm. Estas agullas están inseridas en espiral arredor das pólas e gallas.

O teixo é unha especie dioica: os exemplares femias producen uns arilos carnosos ou bagas, de cor vermella moi viva, que envolven parcialmente ás sementes. Non son tóxicos, sendo consumidos polas aves, porén as sementes si son tóxicas, como todo o resto da planta. As flores dos exemplares machos producen un pole, amarelo, en primavera. O arilo madura nese mesmo verán.

En Galicia é unha planta rara que aparece illada en lugares coma O Courel, os Ancares ou o Xurés, agás nun caso, o Teixadal de Trevinca, onde se formou un pequeno bosque, cousa pouco habitual nesta especie. O abondoso de topónimos do tipo Teixeiro, Teixeira ou Teixido, mais a presenza doutros como Teixoeira e Teixidón suxire que antigamente si que era unha especie moito máis presente no territorio do país galego.

Aquí podes descargar unha UNIDADE DIDÁCTICA sobre o teixo.