A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

As ferramentas tradicionais

Velaquí atoparás un pequeno inventario das principais ferramentas que se utilizaban para traballar a terra.

Arado

O máis usado era o arado de pau ou romano, construído polos propios labregos en madeira de carballo. Consta dunha peza angular que se colle para dirixilo por un dos extremos, a rabela, mentres o outro, o rostro, vai polo chan. No rostro levan unha peza de ferro, rella ou palmela, forxada por ferreiros da comarca ou mercadas nas feiras. A máis habitual na zona é a palmela, unha peza triangular e plana suxeita ó rostro con cravos. A rella ten forma coniforme, polo que se embute no rostro.

Arado

Detrás da rella leva dúas pezas diverxentes, as orelleiras ou abeancas suxeitas ó rostro por un pasador. Dende a rabela sae a lata ou timón, un pao longo que leva no extremo un furado coa chavela para amarrar o xugo. Entre a lata e o rostro vai unha travesa de madeira, a teirúa ou teeiro, para reforzalo e graduar o ángulo formado pola rabela e o timón, profundizando así o suco según conveña. Este tipo de arado foi moi habitual ata hai pouco, por se adaptar ben ós terreos accidentados da montaña.

O arado era arrastrado por unha xugada de bois ou de vacas. O xugo máis común era o de molida ou cornal. O normal era que en cada casa houbese xugos de varias medidas. Había tamén arados máis pequenos coa lata curta e tirados por un só animal, para traballar leiras de terra doada de arar.

Arado de ferro

Arado de ferro

O arado de ferro, asimétrico ou de vertedeira, chegou á zona da montaña nos primeiros anos deste século. Pouco despois xa os facían os ferreiros da Pobra ou de San Antolín (Asturias).

Cambela

É un arado formado por unha pola de árbore torta, que leva no cabo a rella. Utilizábase para abrir o primeiro suco nas terras duras do monte, nas searas, antes de pasar o arado. É característico da zona da montaña.

Grades

Facíanos os mesmos campesiños, pois nos antigos os dentes eran tamén de madeira, aínda que os había con dentes de ferro. Estes están espetados de xeito que os de atrás non cadren no mesmo suco que os de diante. O seu funcionamento é semellante ó arado: dende a rabela sae a lata para amarrar o xugo. O seu uso é variado. Un tipo máis sinxelo de grade consiste en dou madeiros en forma de T, a lata e a travesa cos dentes, reforzados con duas travesas de madeira.

Grades

Rastra

Diferénciase da grade en que non leva rabela nin lata, pois vai amarrada por dúas cadeas ou cordas ó xugo.

Rastra de varas ou testiza

Formada por paos e varas entretecidas para desfacer os baloucos e achanzar o terreo. Non leva lata nin rabela e amárrase ó xugo igual que a rastra.

Aixada

Utilizábase para cavar terras duras e as searas onde se ía bota-lo centeo. A súa longa folla adáptase ben a calqueira terreo por duro que fose.

Axado de cresta ou axadón

Semellante á aixada, pero coa folla máis estreita e unha folla máis pequena no outro extremo que fai de brosa. Utilizábase para arrincar os cepos ou carrochos das uces que se queimaban nas lareiras e cos que se facía tamén o carbón. O mango case sempre é de carballo.

Picaña ou sacho

Picañas

Ferramenta cunha pequena folla triangular que se empregaba para traballos miúdos: O mango de freixo ou de abraira era curto, de pouco máis dun metro de longo.

Fouciños

Con el segábase o centeo e o trigo. Nesta labor había máis mulleres que homes, pois algúns ían nesta época para as segas de Castela.

Fouciños

Podón

Para cortar xesta, toxo, etc. Algúns levan un mango de abraira curto, otros longo, duns 130 cm. Estes últimos usábase para rozar toxos grandes.(Antigamente os podóns curtos puñanse no peito dos defuntos pois, segundo decían, así non pudrían tan axiña, xa que botaban no hórreo catro ou cinco días antes de enterralos).

Gadaña

Máis propia de homes. Cando traballaban con ela levaban unha canadela coa pedra de afiar.

Balea

Vasoira feita de xestas ou ramas de bidueiro. Usábase, entre outras cousas, para recoller as espigas de trigo ou centeo que quedaban na eira despois da malla.

Forcada

Feitas polos campesiños con pau de salgueiro. Podían ter dúas, tres ou catro gallas. Hainas tamén de ferro, denominadas forquitas. Con elas recollíase a herba e a palla para botala no carro ou no palleiro.

Rodal da eira ou ródalo

Rodo de madeira, con pa de castiñeiro e mango de abraira, que se usaba para achandar a bosta da eira antes de mallar o pan. Con el tamén se xuntaba despois a gra.

Angazo

Trebello de madeira con dentes curtos que se usaba para xuntar a herba dos prados despois de segada. O mango, dun metro e medio de longo, era de abraira e os dentes, normalmente 19, de freixo. Outros angazos usábanse para recoller a palla da eira despois da malla..

Malle

Malle

Para mallar o centeo, o trigo, a cebada. Consta de duas partes: a moca ou mango de abraira e a pértega ou pértego que é a que bate contra o froito, que pode ser de acibo ou de carballo. Ambas van unidas por uns coiros para que se poidan mover. Facíanos os labregos. Dende que chegaron as malladoras mecánicas foron desaparecendo.