A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

Co foco en Pardiñas

O audiovisual é dende hai anos unha ferramenta clave no traballo por proxectos dentro do centro. Empregámolo como aprendizaxe narrativa, técnica e cooperativa. Non é posible facer un vídeo sen unha actitude creativa e loxística ó mesmo tempo. Por iso tratamos de que todos os cursos teñan a oportunidade de crear unha peza audiovisual inspirada nun tema transversal.

Nesta ocasión aproveitamos o concurso Lingua Rodada convocado pola Consellería de Educación, para idear un guión que puxera en valor algún elemento da identidade de Guitiriz e facer un guión para presentalo ó concurso. Nun obradoiro realizado os xoves pola tarde con alumnado de 2º da ESO, analizamos a narrativa audiovisual e traballamos sobre tres elementos da identidade de Guitiriz escollidos pola rapazada: a área recreativa dos Sete Muíños, a torta de millo e o Festival de Pardiñas. Foi este último o escollido e comezamos a documentarnos entrevistando ó fundador do Festival, Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos.

Pero como moitos proxectos neste curso 2019/2020, o obradoiro quedou interrumpido pola crise sanitaria da COVID 19, polo que ideamos alternativas de continuidade online. O resultado é, ademais da entrevista que xa tiñamos gravada a Alfonso, unha curtametraxe que gravamos cando as condicións sanitarias o permitiron e mais diversas entrevistas feitas polo alumnado na casa no tempo de confinamento.

OBXECTIVOS

  • Reflexionar sobre a identidade cultural dun territorio: a fala, gastronomía, paisaxe, eventos…
  • Desenvolver capacidade de análise e de observación
  • Poñer en valor recursos de aprendizaxe próximos á realidade do alumnado
  • Exercitar a capacidade narrativa.
  • Descubrir e potenciar outros talentos do alumnado.
  • Fomentar a creatividade, capacidade de escoita, traballo en grupo, capacidade organizativa, etcétera.

COMO O FIXEMOS

  • O obradoiro fíxose durante o segundo e terceiro trimestre fóra de horario escolar en sesións de tres horas pola tarde.
  • Foi presencial nun primeiro momento e despois online, trala declaración do estado de alarma.
  • Participaron arredor de doce alumnos e alumnas de 2º da ESO co apoio de profesorado de lingua galega, relixión e valores.
  • Comezou cunha introdución á narrativa audiovisual creando grupos para identificar elementos da cultura de Guitiriz que fosen representativos.
  • En cada sesión marcámonos fitos sobre a historia que iamos contar : escoller tema, pechar a sinopse, documentación e escrita de guión.
  • Documentámonos cunha entrevista a Alfonso Blanco, dundador do Festival de Pardiñas
  • Durante a parte online transcribimos a entrevista de forma colaborativa e editámola para a revista de Xermolos
  • Aprendimos a gravar entrevistas co móbil e o alumnado entrevistou a familiares que tiñan accesibles durante o confinamento
  • Rematamos o guión que iniciaramos antes da alerta e valoramos a posibilidade de seguir adiante coa rodaxe
  • Finalmente gravamos a peza que será incluida na versión “confinamento” de Pardiñas 2020.

QUE FIXEMOS

PARDIÑAS DO TEMPO

Xiana esperta unha mañá aturdida. A noite anterior estivera bailando no Festival de Pardiñas pero ese día todo semella diferente. Nin rastro dos postos, dos festivaleiros nin dos escenarios. Serán os veciños da aldea ós que lle axuden a reconstruir onde está e que foi de Pardiñas. Esta é a sinopse da curtametraxe que gravamos inspirados pola entrevista que fixemos a Alfonso Blanco e outra documentación relacionada co Festival.

Esta é a sinopse da curtametraxe que realizamos baseándonos nunha idea orixinal creada no obradoiro de audiovisual e que despois completamos entrevistando a Alfonso Blanco. O guión e o plan de rodaxe foron rematados en tempo de confinamento cunha conexión online cada quince días co alumnado. Cando as normas de desescalada o permitiron, organizamos a rodaxe en Pardiñas, mantendo os protocolos estabrecidos de seguridade.

Na rodaxe colaborou Fina Prieto, xestora do balneario, así como o alumnado e profesorado que aparece nos créditos e que se animaron a actuar, gravar e conducir a produción de campo. O resultado é unha curta que forma parte da programación desta edición 2020 de Pardiñas que non se vai parecer ás anteriores pero que servirá para manter vivo o espírito do festival.

 

ASÍ SE CREOU O FESTIVAL DE PARDIÑAS

Entrevista a Alfonso Blanco Torrado, presidente da Asociación Cultural Xermolos e creador do Festival de Pardiñas. Foi realizada na Casa das Palabras, en Guitiriz, polo grupo de alumnos e alumnas de 2º da ESO do obradoiro de audiovisual do curso 2019/20. A entrevista formou parte do proceso de creación dun guión de curtametraxe sobre o Festival, que foi escollido polo alumnado como o elemento cultural que máis identificaba a Guitiriz, despois da torta de millo e da área recreativa dos Sete Muíños.

O vídeo foi gravado polo alumnado e editado pola coordinadora do obradoiro, Cristina de la Torre. As preguntas foron elaboradas por eles coa axuda do profesor de galego, Miguel Bermúdez. Na entrevista, Alfonso explica como xurdiu a idea de organizar o festival a finales dos anos setenta e onde se inspirou para crear un evento que ten traído xente de todo o mundo a Guitiriz e que no 2019 cumpriu o seu corenta aniversario.

Facer este traballo foi, ademáis dunha maneira de documentarse de cara ó guión final, unha homenaxe a Alfonso, ex profesor do instituto e un dos axitadores culturais máis importantes da Terra Chá e de Galicia. O feito de que o curso rematase online pola alarma sanitaria impediu que se puidera ampliar o vídeo con máis recursos visuais pero é unha testemuña clave da historia contemporánea de Guitiriz que o alumnado axuda a construir cun modelo educativo participativo.

 

GANIÑAS DE PARDIÑAS

No tempo de confinamento, e como non podiamos saber se finalmente poderiamos gravar a curta, o alumnado comezou a facer entrevistas preguntando pola importancia do Festival na memoria colectiva dos guitiricenses. O resultado son unha serie de vídeos que publicamos nas redes sociais seguindo unha campaña da equipa da Asociación Cultural Xermolos baixo o lema #GaniñasdePardiñas.

Visionar  todos os vídeos AQUÍ

 

 

OS CARTACES DE PARDIÑAS

Incluimos nesta publicación un  recurso que nos foi proporcionado por Xermolos e a pesares de non ter sido utilizado neste curso polas condicións especiais do confinamento, cremos que é un documento moi valioso co que se pode traballar noutra ocasión: a colección de cartaces do festival.

  • Cartaces 1980 e 1981
  • Cartaces 1982 e 1983
  • Cartaces 1984 e 1985
  • Cartaces 1986 e 1987
  • Cartaces 1988 e 1989
  • Cartaces 1990 e 1991
  • Cartaces 1992 e 1993
  • Cartaces 1994 e 1995
  • Cartaces 1996 e 1997
  • Cartaces 1998 e 1999
  • Cartaces 2000 e 2001
  • Cartaces 2002 e 2003
  • Cartaces 2004 e 2005
  • Cartaces 2006 e 2007
  • Cartaces 2008 e 2009
  • Cartaces 2010 e 2011
  • Cartaces 2012 e 2013
  • Cartaces 2014 e 2015
  • Cartaces2016 e 2017
  • Cartaz 2018
  • Cartaces 2019, 40 aniversario
1/21