A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

Igrexas e petróglifos da contorna

Igrexa de Buriz

 

Buriz_M_001

A Igrexa de San Pedro do Buriz, situada na aldea da Graña data do século XVII, malia que da obra orixinal só conserva a fachada. De factura moi sinxela sen apenas decoración, cunha fornela que acubilla a imaxe pétrea do patrón, San Pedro. Remata nunha espadana de  dous corpos cunha imaxe de Santa Bárbara no superior. O templo presenta nave rectangular dunha soa nave e unha capela dedicada á Virxe do Carme, do S XVIII. No interior, con varias imaxes do século XVIII, custódiase unha cruz procesional de prata.

No adro e nos muros perimetrais da igrexa hai varias cruces, destaca o chamado “Calvario da Graña” decorado no fuste cunha semicolumna ornamentada con cadeas e un galo, atributos do patrón.

Actividades

  •  A pedra de granito é un elemento moi presente no entorno de Díaz Castro e como tal o oficio de canteiro reflectido nos cruceiros que atopamos pola zona. Que presenza tivo esta actividade na súa infancia?

Igrexa dos Vilares

Os Vilares igrexa_M_014

Consta de nave rectangular con cuberta a dúas augas, cruceiro con catro arcos torais e tellado a catro augas; á dereita pórtico con columnas reaproveitadas de cruceiros da zona. Está realizada en sillería. A nave da igrexa é do S.XII pero realmente desa época só quedan os muros laterais.A fachada é unha obra do S.XVIII e leva porta alintelada, ventá sobre porta e sobre esta fornela cunha imaxe, remata en espadana dun só corpo con dous vans. No seu interior atópanse catro retablos neoclásicos e un barroco con imaxes dos S.XVII e XVIII. Na mesma praza atópase o coñecido como “Calvario dos Vilares” construído a finais do S.XVIII por Felipe de Sá. Está formado por tres cruceiros . o do centro érguese sobre unha plataforma de catro chanzos de granito e pedestal cuadrangular, fuste poligonal e capitel con volutas nas esquinas e cabezas con ás nas esquinas. A cruz ten paus rematados en azucenas coa figura de cristo e polo reverso a virxe coroada co neno. Os cruceiros laterais son máis sinxelos, de base cadrada e capiteis sen decoración.

Actividades

  • Os cruceiros so unha das manifestacións artístico relixiosas máis singulares da cultura galega mostra da creatividade dos nosos canteiros, en Guitiriz ademais do Calvario dos Vilares podemos atopar outros como o de Lagostelle, o do Santuario de Bascuas, o de Saa, ou o de Toxiño de Labrada. Si durante o roteiro pasades á beira dalgún outro cruceiro di por cal e si e posible inclúe aquí unha fotografía. Fai unha pequena descrición.

Santuario de Bascuas

 

_Roteiro-Diaz-Castro_bascuas

Situado no lugar de Bascuas en San Salvador de Parga. Ten a súa orixe nunha capela reformada no S.XII e XIII converténdose nunha ermida, de construción románica da que aínda queda boa mostra no edificio actual. Foi agrandada no S. XIV, anulando practicamente a fachada principal. A Porta principal ten un arco de medio punto do S. XVI, cun pórtico de entrada sostido por unh piar de granito e espadana dun so van.

Na Capela fixéronse modificacións posteriores xa que a comezos do século XVIII (1705, no pleno barroco, os Señores de Guitiriz e Baamonde, movidos pola gran devoción que había entorno a Ermida, decidiron ampliar o edificio).

A edificación comprende nave, presbiterio e sacristía. Na parte alta do Pórtico houbo unha vivenda para o ermitaño cá atendía.
Do interior destacamos o retablo principal do primeiro terzo do S. XVIII e foi restaurado polo  creador Ovidio Escolante de Guitiriz. Está decorado con motivos naturalistas e xeométricos.

Hoxe o Santuario tamén é museo onde se poden observar imaxes da Virxe do S.XVI,  San Xosé e Santo Apóstolo do S. XVIII, escudos, obxectos litúrxicos así como vestimenta relixiosa. A redor do Santuario permanecen expostas obras realizadas polo Taller de Cantería de Xermolos, que constitúen unha especie de museo o aire libre.

Neste lugar celébrase na primavera unha das romaxes preferidas de Díaz Castro, á Da anunciación da virxe. Ía a Bascuas atravesando a aldea da Pereira e a Ponte Gafín polo 25 de marzo,cando está a agromar a primavera e así o expresa en “ Remuiño”:

Xa se fincou nas pereiras
a primavera. Sentín
o vou-e-non-vou de marzo.
¡Xa no hai piedade pra min!
Pasou rispándome a quina
dun cabalo que non vin.
Brandéuse o ceo de vidro
aló por Ponte-Gafín.

Capela do Vilariño

 

Vilariño capela 2

O poeta naceu no lugar do Vilariño, na chamada casa “d’arriba”, unha das tres que forman a aldea. Son das máis antigas da parroquia e unha delas, a Casa dos Coira, foi das máis prosperas. Chamárono “O Vilariño dos Cregos”, pois chegou a haber naquelas tres casas ata nove cregos entre tíos e sobriños. Dous deles fundaron en 1792 unha Capela que aínda hoxe está en pé, nunha carballeira que nos introduce na aldea, nela axudaba á misa o pequeno Xosé María Díaz Castro que entre os veciños era coñecido como Pepe. (segundo Alfonso Blanco, en avozdevilalba.com, 11 de febreiro de 2014).

É unha obra de factura sinxela, de sillar de granito, cunha fachada totalmente lisa, ausente de decoración rematada por unha espadana dun so vano.Diante ten un pequeno adro murado con baixo muro de granito.

Actividades

  • Investiga que acontecementos relacionados coa vida de Díaz Castro tiveron lugar aquí.

San Alberte de Parga

 

Parga_San Alberte_As pegadas de Diaz Castro

Capela gótica de grandes dimensións que data do S. XIII, fabricada en bo cadeirado de granito, e que consta de nave rectangular e capela maior, con cuberta de lousa a dúas e catro augas, respectivamente. Fachada do  S. XVIII con porta alintelada  e sinxela espadana de único van con remates neoclásicos, quedando do primitivo estilo tan só unha ventá oxival con tracerías. Exteriormente hai oito grandes contrafortes e canzorros no aleiro, algúns figurados. Porta lateral dereita de arco de medio punto, lixeiramente apuntado.

No interior atopamos bóveda sexpartita con engadido de dous nervios na capela maior, orixinándose 6 nas columnas e 2 en ménsulas, con artísticos capiteis; imaxe gótica do s. XIII de Santo Alberto e outras tallas do XVIII.

Enmarcada nun fermoso marco  natural, nas proximidades hai unha fonte de dous canos, feita de sillar de cantaría,  con frontis renacentista rematada de forma triangular, a tradición di que a súa auga é milagreira  para os problema s da fala.

Completa o conxunto unha ponte gótica do S.XIV , posiblemente de orixe romana,  sobre o río Parga e os restos dun antigo hospital de peregrinos a Santiago, pois atopámonos nun dos tramos da ruta interior norte do Camiño.

Neste marco celébrase anualmente a famosa romaxe de Santo Alberte o terceiro domingo de maio.

Actividades

  • Identificas algúns elementos construtivos que nos permitan afirmar que é unha obra gótica?
  • Non obstante podemos atopar algún elemento máis propio do románico, saberías cal?
  • Na actualidade hai unha casa xunto á capela con inscrición de 1850 que puido ser o primitivo hospital, intenta atopala, indica onde está, fai unha foto.
  • Si falamos de 1850, de que século falamos?
  • Pregunta  sobre os beneficios que se lle atribúen á fonte, se hai algunha lenda relacionada con ela.

A pena das calzadas

Petroglifo do Buriz de Polgui_Raul Rio

Situado na parroquia de Buriz, no lugar de As Mezoiras, sobre un batolito granítico obsérvase un gravado rupestre da Idade do Bronce (pódese situar do 3500ac ó 2000ac)  no que pódense identificar os seguintes elementos:

  • Doce covas no extremo dereito
  • Dous círculos pequenos na parte superior
  • Cuadriculado irregular central enmarcado a dúas bandas por dúas figuras formadas por liñas curvas concéntricas.
  • Figura en forma de cruz.

Actividades

  • Que é un petróglifo?
  • Localiza cada un dos elementos que se citan.

Petróglifo da pena Bicuda

Petroglifo da Bicuda

Este grabado atópase cerca do lugar das Mezoiras e consta de círculos concéntricos, un radio que os corta e unha cazoleta na parte central. As incisións parecen feitas pola técnica de abrasión polas formas suaves e redondeadas que presenta.