O mito de Penélope
- Proxecto
Díaz Castro - Autoría
María Miragaya - Duración
50 minutos - Ideal para
Achegarse aos referentes de Díaz Castro - Materias
Cultura Clásica, Lingua, Literatura, O poeta Díaz Castro - Cursos
Curso 2013/14 - Compartir en
facebook, twitter
O MITO
Penélope é a esposa de Odiseo, rei de Itaca co que ten un fillo, Telémaco. Despois da guerra de Troia Ulises tarda dez anos en regresar a Itaca. Chega á illa a falsa noticia da morte de Ulises, e son moitos os que pretenden casar con Penélope, posto que a voda equivale ao trono de Itaca.
Penélope non cre que Ulises morrese e négase a casar con outro home. Comeza a tecer un sudario para Laertes, o pai de Ulises, que xa é moi vello, e dille aos pretendentes que non se decidirá por ningún até non ter rematado o sudario. Eles aceptan este prazo e Penélope desfai pola noite o trozo tecido durante o dia e así vai gañando tempo. Ten así enganados aos pretendentes durante tres anos, ata que unha criada descobre o engano, a delata e os pretendentes deciden obrigala a elixir.
E niso chega Ulises á illa. Alí está o famoso arco de Ulises, que só el é capaz de manexar. Ulises recupera o seu arco, desafía aos pretendentes e sen máis axuda que a do seu fillo Telémaco, mátaos a todos. Conta o mito que Ulises e Penélope, despois de veinte anos de separación (dez de guerra en Troia e dez de aventuras de Ulises no mar) pasan a primeira metade da noite contándose mutuamente as súas aventuras. De como pasan a segunda metade, o mito non di nada. Penélope é, no mito, símbolo das virtudes da parella. O mito de Penélope e Ulises é moi coñecido e un dos ben fermosos da mitoloxía clásica.
O POEMA
Despois da lectura do mito de Penélope, lemos o poema de Díaz Castro:
PENÉLOPE
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus soños non se move,
a espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois i chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
i toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
Díaz Castro era un bo coñecedor da cultura e mesmo das linguas clásicas, entre outras moitas:
- ¿Consideras que este mito inflúe dalgún modo no seu poema?
- ¿Que paralelismos podemos atopar entre o poema e o mito?
- Tendo en conta o desenlace do mito… ¿Podemos dicir que o poema Penélope é unha invitación á esperanza? ¿Respecto de que?
Primeiro, intenta responder ás preguntas co teu propio criterio e interpretación. A continuación, para contrastar o teu parecer, podes consultar:
- Páxinas 14-15-16 da ligazón La temática homérica en la poesía gallega.
- A opinión e o poema complementario Ulises de Claudio Rodríguez Fer.
Para saber máis sobre a mitoloxía clásica podes consultar a Galipedia.
A LINGUA
No poema Penélope, máis arriba, hai algunhas palabras destacadas. E é que a lingua que utiliza Díaz Castro nos seus poemas, é a lingua que escoitaba no seu entorno: Vilariño, Vilares, Guitiriz, a Terra Cha enteira…
Algunhas responden a fenómenos propios da oralidade e do rexistro coloquial…”espranza” “pro”. Outras, a fenómenos dialectais propios da área central do galego… “i” como conxunción copulativa no canto da forma normativa, propia do galego estándar, “e”.
Con esta información, volve ler Penélope e tamén Veleiquí os homes:
VELEIQUÍ OS HOMES
AI OS XONLLOS doridos a carón deste mundo
as maus xuntas que axuntan nun intre a ialma toda
os beizos que agurgullan oraciós coma fontes
na noite cecha, copas de sangre que fomega!
Que donda mau allea esmagou contra os dentes
da Pinitencia os probes corazós coma péxagos,
enfiou prás estrelas este berro da carne,
a sede que non morre, vella coma os camiños?
Saben os ollos que hai tralo valado un Reino
e que do anxo hastra o grilo brinca o gozo de Deus.
E Deus dá boa fada ós ollos namorados
que chegaron abertos ás portas do mencer.
Vese a Deus relocindo nos ollos dos que esperane
e nas linguas que alampan, tremando como lapas,
un Pan feito de lúa, perdón e chucha eterna
pra aló das anduriñas i o bafexar dos bois!
Velaquí os homes
de soños sementados de estrelas e de virxes,
e de alma coma a serra, que se brande e non creba,
i escuros pés romeiros perdidiños nas fragas,
i ollos que non amaron máis lus que a lus de Roma.
As maus que nivelaran campás ax aló nas nubes
ou que enfondiran cruces de loureiro nos trigos,
viran ás veces como lles medraba antre os dedos
a doce ferramenta e volvíase espada….
Que noite a das espadas acesas contra o hirexe,
i os carros dos Nerós trastumbasdo hastra o ceio!
A noite fomesgou de sangre e testimoño,
i o vento iba chorando para aló do mesmo mar.
Tendo en conta a información que aportan os cadros máis arriba, intenta establecer, baseándote na lectura deses e outros poemas:
- os rasgos diatópicos que caracterizan a obra de Díaz Castro.
- os rasgos propios do rexistro vulgar e/ou coloquial que aparecen na obra, explicando en qué consisten.
Para ter máis información sobre os rasgos dialectais que caracterizan os tres bloques linguísticos do galego, e outros moitos aspectos da lingua, podes visitar os seguintes enlaces:
- UD Variedades Dialectais en Aula de lingua.
- Artigo sobre a lingua galega na Wikipedia en galego.
- Os recursos didácticos enlazados na páxina de Rosa Salgueiro.
O TOPÓNIMO
No poema Penélope aparecen un topónimo galego relacionados co entorno do autor:
- Saberías dicir que é un topónimo?
- Cal é o que aparece no poema?
- Poderías situalo no mapa da provincia de Lugo?
- Busca no poemario Nimbos outros topónimos, anótaos e intenta situalos no mapa
Podes axudarte coa web de topominia da Xunta de Galicia
Mirando o mapa anterior, tal vez pensases que a Pastoriza do poema é un topónimo. Isto aclárase no seguinte artigo de Xaquín Campo Freire:
A PASTORIZA DE DÍAZ CASTRO EN PENÉLOPE
“O tempo vai de Parga á Pastoriza”, así o expresa fermosamente o noso vate no poema Penélope.
O universo íntimo de poetización de Díaz Castro está determinado polos recunchos pequenos das súas contornas próximas. É o poeta dos detalles mínimos como se ve en: Esmeralda. “Herba pequerrechiña que con medo sorrís ó sol que vai nacendo e morrendo sen ti, ¿por que de ser pequena te me avergonzas ti? ¡O universo sería máis pequeno sen ti!” E isto mesmo está moi claro tamén nos exemplos da toponimia que emprega se analizamos Nimbos: A Ponte-Gafín, A Corda, Arxán. O Carmio, (o do Buriz, próximo á súa casa), O Porto-Muíño. Lugares todos moi ben coñecidos aínda hoxe por todos nós os que desta terra somos. Do mesmo xeito está determinado pola fala e o léxico da fitozoonimia que sempre son as das súas contornas vivenciais. Non os das alleas.
Os que somos maiores e somos de alí, entendemos perfectamente as referencias e os falares do poeta por termos coñecido aínda aquel mundo, usando as mesmas verbas ca el e que se ve obrigado a aclarar no Vocabulario final para xentes doutras variantes dialectais, mas non para nós. Eu son testemuña directa por ser nativo de Roca, pertiño de A Pastoriza, de San Alberte, a quen se está a referir. Tamén vivín por moitos anos nas proximidades de Os Vilares. De feito eu coñecín a Díaz Castro nos Oficios da Semana Santa do ano 1961 ou 1962, nun serán do xoves santo, na Igrexa de San Vicenzo dos Vilares de Parga.
De Parga Á Pastoriza, (con artigo contracto neste caso por referirse á romaxe), vai o Tempo en Díaz Castro como van de sempre o río Parga, a néboa, o tren, (daquela camiñabamos todos polos carreiros das beiras da vía do tren), os romeiros, a estrada N-VI, e tamén os ventos do oeste, chamados tamén contralisios, que son os ventos e tempos predominantes na outonía da que el nos fala. Pois, quen vai “desorballando os prados como sono”, na experiencia vivida polo poeta, son precisamente eses ventos e ese Tempo que fan ese mesmo percorrido, seguindo o río, de Parga á Pastoriza do Sant’Alberte no poema Penélope.
O santuario de Sant’Alberte alternaba daquela ese nome co de A Pastoriza. San Alberte é o padroeiro da capela. É máis antigo no tempo, e deulle nome ao lugar. Porén a festa mariana de sona, seguramente traída por algún predicador capuchino que acostumaban ser chamados, orde na que naceu a advocación polo 1703, foi A Pastoriza. Lémbroa de neno e de rapaz con misas varias ao longo da mañá. Misa solemne de doce (hora solar aínda daquela) con varios sacerdotes e con sermón de gran predicamento. Procesión tamén solemne, longa e con pelexas por levar a Santa, por roldas, entre as xentes que estaban ofrecidas e que non querían volvérense sen cumprir. Promesas, esmolas, velas, exvotos, ofrendas, e o rito de “poñer a Santa”. Gaiteiros, merendas e festa ata o solpor.
Esta advocación sufriu cambios na súa denominación co Concilio Vaticano II. No misal romano deixou de chamarse A Divina Pastora. Pasou a ser María, Nai do Divino Pastor. Pero aquí seguiu conservando esoutro nome: A Pastoriza. Así a chamamos aínda hoxe en toda a bisbarra e esténdese cara a Baamonde, Begonte, Pígara, Vilalba, Trás do Río e en toda a comarca do daquela Arciprestado de Parga. Tamén viñan moitos romeiros de Friol, Sobrado, Vilasantar, Curtis, Teixeiro, Aranga e Monfero. Todo isto está na memoria viva dos actuais, sobre todo da xente que temos mais de 55 anos.
Así como a camiñada a Santiago vai rematar no santuario de Santa María de Fisterra, a festa do Sant’Alberte remata aínda hoxe coa romaría mariana da nosa Señora da Pastoriza. A romaxe de Sant’Alberte, todos os domingos de maio, tiña e aínda ten o seu colofón, a súa coroación, o seu nimbo, a aureola, na festa de A Pastoriza, en agosto. Iso sabémolo ben os que deses lugares somos nativos e por aquí desenvolvemos a nosa vida da infancia e xuventude que cadrou co mesmo tempo en que poetizou este noso veciño a onde el tamén foi algunha vez de neno, de rapaz, sendo seminarista ou mesmo ao volver da guerra.
O Santuario do Santo Alberte de Parga tamén era coñecido como A Pastoriza na bisbarra e en toda a Terra Chá occidental pola romaxe do primeiro domingo de agosto. Xusto o domingo anterior á Feira de Parga, centro de vida civil e comercial máis importante en toda a bisbarra. Velaí a ligazón. Cómpre non esquecer que a denominación do Concello ata ben entrados os anos corenta era Concello de Trasparga, non de Guitiriz, con sede na Casona ou Pazo do Mesón da Cabra onde traballou un certo tempo o seu pai Cidre Díaz con algún cometido de escribinte, secretario ou algo así.
Lembramos aquela inmensa multitude que enchía a ponte gótica e o camiño cos esmoleiros, cegos, tollidos, entangarañados e outros eivados e mutilados da guerra, pedindo unha axuda en cada treito do camiño e en número moi medrado despois da guerra, da que el volveu e precisamente escribiu sobre algo do que alí viviu moi de rapaciño como tamén ten ido ao “Quince de agosto”, á Nosa Señora de Bascuas, pasando pola Ponte-Gafín a mesma pola que atravesaba o río para ir Á Pastoriza. A min non me estraña nada, nun home de referencias relixiosas coma as del, que falase d’A Pastoriza como algo sobreentendido por todos, sen ningunha necesidade de especificar máis para alguén que o puidese ler coetaneamente cos tempos nos que poetizou. Tampouco explicou os outros topónimos. Cando se achegou á romaxe, viviu as merendas e experimentou as contornas ben desorballadas, nos prados a carón do río Parga, pegadiños ao santuario, hoxe inexistentes pola foresta. Penso ademais que este poeta escribiu máis para si mesmo, para expresar o seu íntimo, do que para publicar ou pensando en futuros lectores.
O tempo vai de Parga á Pastoriza. Refírese sen dúbidas ao lugar desa romaxe de A Pastoriza, no primeiro domingo de agosto de tanta sona ata os anos 80, en que o Festival de Pardiñas en Guitiriz veu eclipsala un pouco por mor de coincidiren sempre no primeiro fin de semana de agosto. Nin A Pastoriza, que linda con Meira, nin A Pastoriza de A Coruña estiveron nos lugares vivenciais de Díaz Castro. Esas viaxes daquela eran difíciles polas comunicacións, estaban moi lonxe e eran moi caras nun mundo de escaseza económica de posguerra. Non ías aí se non había lazos familiares nesas latitudes, que el certamente non tiña, fóra de ter coñecido sen máis algún compañeiro de seminario oriúndo de por alá.
Por outra parte ambas pertencen a microclimas e bacías ou concas fluviais que nada teñen que ver connosco e que son ecosistemas moi diferentes. A ningunha desas dúas iría o tempo desorballando os prados desde Parga. Iso non tería sentido no poema e estaría moi forzado tan só por buscar unha rima nun verso dun poeta sobrado de recursos literarios. A Pastoriza que está na súa experiencia íntima e persoal é esta. Esa é a razón. Vese de novo ben clariño no poema Vísperas: O Tempo volve estar ligado ao río, ao santuario, á festa das súas vivencias, que neste caso é O Carmio de O Buriz. Velaquí: “Polos días do Carmio a festa chega ó río. O río está deitado como un boi remoendo e o Tempo non sei que anda rente del remexendo”.
Si. O tempo vai de Parga á Pastoriza desorballando os prados. Aínda hoxe podemos percorrer eses case cinco quilómetros seguindo esa mesma ruta polas beiras do río, pola vía do tren, e experimentaremos coma el, un paso adiante e outro atrás, Galiza. Aran os bois e chove.
Xaquín Campo Freire, Xaquín de Roca. 04-08-2013. Día d’a Pastoriza