Investigación sobre insectos
- Proxecto
ODS - Autoría
Susana Vázquez Regueiro - Duración
Decembro 2021 - Xuño 2022 - Ideal para
Por en valor a biodiversidade e o patrimonio natural. - Materias
Ámbito científico tecnolóxico, Bioloxía, Formación Profesorado, Proxectos, Tecnoloxía, Titoría, Valores - Cursos
1º ESO, 2º ESO, FP - Compartir en
facebook, twitter
Proxecto europeo para a creación de hoteis de insectos
No desenvolvemento dos proxectos deste curso sobre os ODS, a biodiversidade é considerada como un patrimonio natural a coñecer, coidar e por en valor.
Con esta idea, para completar a obra do Invernadoiro creado con botellas de plástico reutilizadas, xurdiu a posibilidade de construír un hotel de insectos. No marco dun proxecto europeo eTwinning, o hotel converteuse en parte dunha Cadea de Hoteis de Insectos, con sedes en España, Portugal e Turquía.
A organización e desenvolvemento deste proxecto está, tamén, enmarcado nun Plan Proxecta, o de Patrimonio cultural europeo en colaboración a través do programa eTwinning, modalidade esta que se acompaña dunha formación específica para o profesorado participante.
CLAVES
- MATERIAS: Titoría, Bioloxía e Xeoloxía, Tecnoloxía, FPBas.
- SESIÓNS: Distribuíronse ao longo de todos os trimestres, esporádicamente, en materias diversas.
- NECESIDADES: Aparte do necesario para a investigación, precisamos da colaboración dalgunha clase de inglés e da axuda do Auxiliar de conversa.
OBXECTIVOS
-Descubrir a biodiversidade da contorna próxima para poñela en valor como parte do propio patrimonio.
-Analizar o efecto da pegada humana sobre a natureza.
-Construír unha identidade europea a través da interacción nun proxecto europeo.
-Implicar ao alumnado na apropiación do seu entorno e da súa propia aprendizaxe, especialmente no respecto á súa diversidade.
-Perseguir a excelencia de todo o alumnado, en función das sus propias características, atendendo á súa diversidade.
PASO A PASO
01. PREPARATIVOS
Solicitude da aprobación do proxecto eTwinning ao Servizo Nacional de Apoio e, unha vez aprobado, solicitude do Plan Proxecta de Patrimonio Cultural Europeo en colaboración a través do programa eTwinning.
Formación dun equipo docente de traballo que se formaría no curso do Plan Proxecta e traballaría no eTwinning co alumnado de 1º e 2º de ESO, con colaboracións puntuais do alumnado de FPBÁS.
02. DESENVOLVEMENTO
As fases de desenvolvemento son as que seguen:
- Investigación sobre os insectos, a cargo do alumnado de 1º de ESO e a profesora de BIO XEO.
- Atención ao coñecemento dos compañeiros do grupo de 1º de ESO, no desenvolvemento das tarefas relacionadas coa presentación aos socios europeos do proxecto así como ao manexo da plataforma de traballo etwinning, o TwinSpace. Estas sesións correron a cargo da Titoría e o Departamento de Orientación.
- Investigación sobre a construción de hoteis de insectos, a cargo do alumnado de 2º de ESO e o profesor de Tecnoloxía.
- Sesión de formación entre iguais. Unha comisión de “expertos” de 1º de ESO e de 2º de ESO debaten sobre os coñecementos adquiridos para mellorar o desenvolvemento do proxecto.
- Construción do hotel de insectos e instalación do mesmo ao lado do Invernadoiro.
- Exposición de todos os produtos e subprodutos xenerados ata a construción do hotel de insectos. Difusión do proxecto.
- Nun futuro próximo, o paso a seguir será a ambientalización da zona, para o que contamos coa colaboración da Escola de Educación Especial María Mariño da Coruña, na súa especialidade de xardinaría.
Todas as fases descritas tiveron lugar en asociación cos seguintes centros educativos:
Arif Nihat Asya Ortaokulu, Küçükçekmece, Turquía
IES Carolina Coronado, Almendralejo, España
EBI Francisco Ferreira Drummond, Angra do Heroísmo, Angra Do Heroísmo, Portugal
03. AVALIACIÓN
Avaliación inicial:
-Ideas para o desenvolvemento e detección de necesidades.
Avaliación formativa:
-Conversas continuas co alumnado, profesorado e departamentos implicados.
Avaliación continua do proxecto:
-Autoavaliación.
– Avaliación dos produtos e subprodutos esperados.
-Cuestionarios de satisfacción de usuarios.
Avaliación final:
-Exposición de resultados e proceso.
-Autoavaliación e propostas de mellora.
-Memoria final.
EXPERIENCIAS
TwinSpace público do proxecto.
Blog de Educación Patrimonial.
Moi interesante foi o traballo dos alumnos CNEAE do grupo de 1º de ESO, que elaborou un manual (videotitorial) para a creación de minihoteis de insectos. Podes seguir aquí todo o proceso.
Desta iniciativa, recóllese nesta ligazón a invitación a outros centros e persoas que quixeran construír un minihotel de insectos e compartir connosco os resultados.
CONCLUSIÓNS
Magnífica ocasión para a creación de redes de centros cos que entablar aprendizaxes, experiencias e divertimento. A sensación de pertenza axuda na consecución de obxectivos.
Aprendizaxes colaborativas que poñen en solfa a mellora da socialización, do establecemento de relacións persoais ao abeiro do traballo, a personalización de Europa nos ollos dos socios participantes… Todas foron experiencias enriquecedoras nas que valorar, valorarnos e descubrir a diversidade como fonte de sorpresa.