A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

#Etiquetados

1/8

O proxecto #ETIQUETADOS, que este curso levamos a cabo en  3º ESO, xorde do interese de analizar a influencia que teñen as etiquetas no comportamento das persoas, tanto no desenvolvemento da propia personalidade coma nas relación cos demais e nos hábitos de consumo. Enfocamos a temática do “etiquetado” dende tres vertentes: os produtos que consumimos, as persoas e os lugares.

 

Obxectivos xerais, que se enmarcarían dentro de todos os contratos programa:

  • Fomentar que o alumnado non se deixe levar por prexuízos, estereotipos e outras actitudes discriminatorias que tendan a etiquetar ás persoas e por en valor o emprego dunha linguaxe igualitaria e inclusiva.
  • Fomentar a aprendizaxe de conceptos, procedementos e actitudes igualitarias que axuden a que o alumnado adquira habilidades relacionadas co consumo responsable, crítico, saudable, sustentable, solidario e activo, incluíndo, neste consumo, o de publicidade, contidos en RRSS e medios audiovisuais.

Obxectivos específicos, que se enmarcarían dentro do contrato programa IGUÁLA-T:

  • Dotar as xeracións actuais de referentes onde teña cabida a igualdade e que sexan de utilidade na construción de proxectos vitais libres de condicionantes de xénero.
  • Visibilizar o labor das mulleres no ámbito do coidado e a súa contribución en xeral ao desenvolvemento da sociedade.

 

As materias participantes no proxecto son: matemáticas, bioloxía, lingua castelá, lingua galega, inglés, valores éticos, xeografía e titoría, educación física e música.

 

  • Na materia de xeografía e historia o alumnado, que traballou en grupos de dúas ou tres persoas, analizou as etiquetas de cinco produtos envasados de consumo habitual, buscou información sobre as características socioeconómicas do país no que foron fabricados e sobre a empresa que comercializa cada un deles. A posta en común foi a creación dunha presentación en Google Earth.

  • En inglés e en lingua galega, traballaron as etiquetas dende a perspectiva do marketing e a publicidade, tanto en deseño de imaxe de marca como en analizar e idear anuncios publicitarios para radio, televisión e internet. Formáronse grupos heteroxéneos para fomentar a inclusión e o compañeirismo e cada un dos grupos deseñou un produto e gravou un anuncio para publicitalo.
1/11

                                                                            IES POETA DIAZ CASTRO · Anucios #ETIQUETADOS

  • Na materia de bioloxía deseñaron un produto novo (saudable) para o almorzo ou a merenda, seguindo as normas de etiquetado básicas aprendidas, así como os tipos de nutrientes, e a súa función.
1/3
  • En matemáticas, en colaboración co departamento de bioloxía analizaron, dende un punto de vista nutricional, diferentes receitas tradicionais para nun principio obter a súa etiqueta nutricional, a partir desta tratar de modificar un chisco as receitas para optimizalas na medida do posible e tratar de acadar unha relación enerxética nutricional máis óptima. Unha vez feito isto, deseñaron na propia folla de cálculo unha especie de aplicación na que introducindo uns poucos datos a través dun cuestionario, peso e tempo dedicado ao día a diferentes actividades, a folla infórmanos das calorías que consumimos e proporciónanos a receita coas cantidades necesarias de cada ingrediente que se adaptan a esas necesidades enerxéticas. Tamén deseñaron e imprimiron en 3D envases para a “comercialización” das nosas receitas personalizadas así como para os produtos deseñados dende inglés e lingua galega .
1/11
  • En Lingua Castelá fixéronse actividades na aula aproveitando as ‘etiquetas’ como elementos centrais para desenvolver contidos do currículum. Na primeira avaliación, abordáronse no ámbito do proceso comunicativo (a etiqueta téxtil como mensaxe e os distintos tipos de signos que presentan), no referido ás tipoloxías textuais (exemplo de texto ‘informativo’ -descritivo/expositivo- e non literario) e no nivel léxico-semántico (termo polisémico, familia léxica e campo semántico).

    Na segunda avaliación, nunha liña de traballo máis aberta, antes de Nadal abordouse a etiqueta decorativa cun videotitorial e logo fixéronse etiquetas físicas para o Entroido. No nivel gramatical, viuse a utilidade das ‘etiquetas’ como elementos clasificadores e categorizadores (morfoloxía e sintaxe) e no nivel léxico-semántico promoveuse a ampliación do vocabulario, coa actividade ‘etiquetas infrecuentes’, na que había que descubrir o significado de distintos adxectivos e valorar a súa posible aplicación ou non ás persoas.

    Na terceira avaliación, no ámbito da semántica, traballouse a linguaxe inclusiva (evitando as ‘etiquetas’ limitadoras), o que se materializou na elaboración das etiquetas que se colgaron na zona da entrada para a ‘Feira de proxectos’ (todas tiñan unha palabra/expresión evitable -tabú- e unha proposta alternativa -eufemismo). Por último, abordouse o ámbito literario e artístico-cultural, ao establecer as características dun produto (Mafalda) para crear unha ‘etiqueta’ de marca.

    Aquí tedes o resultado desa investigación arredor do seu universo: o cuestionario ‘mafaldista’.

  • En titoría analizáronse as “luces e sombras ” das etiquetas sociais e o etiquetado das persoas a través de visionado de material audiovisual

Que pasa cando te etiquetas a ti ou a outras persoas ?

Como podemos evitalas?

E si deixamos de usar etiquetas para referirnos ás persoas ?

As persoas somos moito máis que etiquetas.

O alumnado fixo unha recompilación das etiquetas que máis se empregan para as mulleres, homes, na adolescencia, cara as persoas emigrantes, persoas con discapacidade ,… e outras categorías.

Porque …

cantas veces non referimos ás persoas con etiquetas ?

Recibimos etiquetas e tamén etiquetamos ás persoas.

Emitimos  xuizos, valoracións, pensamentos subxectivos

Na Feira de Proxectos que houbo ao final de curso o alumnado de 3º ESO  participou nunha mesa redonda para coñecer de primeira man a   “A realidade das etiquetas sociais” a través das vivencias de catro persoas:   Cristina, traballadora no sector forestal, Nee Barros, autor da publicación “Identidade”, Amina, traballadora no sector servizos de nacionalidade arxelí e Iris, técnica superior en Integración social

1/6

Esta actividade achegou ao alumnado a unha realidade diversa, onde prexuizos e estereotipos están presentes.

As experiencias compartidas  polas persoas convidadas foron unha oportunidade para comprender e visibilizar a importancia das etiquetas ás persoas e o poder da linguaxe, positiva e inclusiva.

As nosas palabras teñen o poder de CREAR ou DESTRUIR… de nós depende!

Sen dubida, o significado e a intención que exista detrás do noso vocabulario marcará a nosa experiencia de vida.

  • En valores éticos traballáronse as etiquetas sociais en función do lugar de nacemento ou de procedencia das persoas.
  • Na materia de educación física, camiñaron dende o instituto ata puntos de interese en Guitiriz e as súas bisbarras, tratábase de promover hábitos de vida saudable e loitar contra o sedentarismo animando ao alumnado a acudir ao centro a pé ou en bicicleta por rutas seguras para o que se elaborou un mapa coas distintas etiquetas dos puntos de interese: “Metrominuto”.

Noutra actividade o alumnado etiquetou músculos do corpo humán e despois elaborou unha guía de estiramentos musculares accesible para persoas con discapacidad cognitiva.

Participouse tamén nunha actividade solidaria na cal o alumnado e o profesorado cunha etiqueta solidaria percorreu unha andaina de 7K na proba deportiva “Guitiriz Termal”

  • En música realizaron tarefas sobre as etiquetas en persoas, para reflexionar sobre: que é unha etiqueta, por que etiquetamos e en que nos axuda etiquetar ou etiquetarnos. A través da visualización da película La profesora de historia, o alumnado tivo que identificar as diferentes etiquetas que teñen ou que se lle adxudican a cada un dos protagonistas dunha difícil e conflitiva clase de 2º dun instituto francés.

 

FEIRA DOS PROXECTOS

Como colofón final, os días 3 e 4 de xuño, organizouse unha feira para que cada curso mostrara o traballo feito no seu Proxecto ao resto de cursos.

1/11

Este proxecto enmárcase dentro do proxecto xeral de centro ” O COIDADO”