A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

Proxecto “O Ministerio do tempo”

1/10

PRESENTACIÓN

Durante este curso académico os alumnos e alumnas de 2º da ESO prestaron os seus servizos como bolseiros no Ministerio do Tempo. A súa función principal, tal e como reza o lema do Ministerio, foi a de ‘Coñecer e valorar a historia para coidar o presente e proxectar o futuro’. Queres saber en que misións traballaron? Pois non deixes de ler!

 

CLAVES
MATERIAS: Lingua Castelá, Lingua Galega, Inglés, Francés, Xeografía e Historia, Matemáticas, Educación Física, Física e Química
CONTIDOS: Trátase dun proxecto interdisciplinar no que os alumnos e alumnas desenvolveron diferentes tarefas relacionadas cos contidos curriculares de cada unha das materias implicadas coa finalidade de ir resolvendo cada unha das 9 misións que integran o proxecto.
SESIÓNS: Trátase dun traballo para todo o curso 2020/21.
OBXECTIVOS

  • Fomentar o traballo interdisciplinar entre a comunidade educativa.
  • Favorecer o traballo en equipo
  • Motivar a interese do alumnado a través da realización da resolución de tarefas integradas nun contexto chamativo
  • Mellorar a competencias dunha forma integral e colaborativa

 

PASO A PASO
01. PREPARATIVOS

Previo ó comezo do proxecto, os docentes participantes realizaron a planificación das misións que integran o proxecto e púxose en marcha unha web na que se prentendía ir recollendo o desenvolvemento do mesmo ó longo do curso.

* Para acceder á páxina do proxecto, preme nesta ligazón.

02. DESENVOLVEMENTO

Antes de comezar a traballar no Ministerio do Tempo, os alumnos candidatos deberon pasar unhas duras probas de acceso que tiveron lugar nas primeiras semanas do curso. Unha vez superadas, todos eles adquiriron a condición de bolseiros, un paso previo para poder conseguir o status de axentes do tempo.

Os bolseiros traballaron baixo a supervisión dos diferentes departamentos do Ministerio do Tempo para ir resolvendo as misións que se lles ían presentando.

Na primeira delas tiveron que desprazarse a 1918 a través das portas do tempo para axudar ás diferentes administracións na loita contra a pandemia de gripe que asola ó mundo; a experiencia vivida coa recente pandemia de COVID foi fundamental para o éxito desta misión.

Despois desta primeira viaxe, xorde un problema coa misión aeroespacial Apolo XI no ano 1969, que se ve boicoteada por uns terroristas rusos que se colaron por pasadizos segredos do tempo. Superado este pequeno inconveniente, de seguido chega unha mensaxe do ano 711, pedindo a colaboración dos bolseiros para restaurar as negociacións entre musulmáns e visigodos, que se viron interrumpidas por malentendidos entre ámbalas dúas partes. O bo facer dos bolseiros permitiu, unha vez máis, que os feitos históricos permaneceran inalterados.

Repostos do traballo, a seguinte misión esixe que os bolseiros se despracen ata 1492 para que o descubrimento de América non se vexa alterado, pois uns polizóns angloxasóns envelenaron a Cristovo Colón para poder ter a oportunidade de seren eles mesmos os descubridores das novas terras. De novo, os bolseiros foron quen de dar co antídoto antes de que fora tarde e puideron regresar á época actual á tempo para asistir á xuntanza de mulleres científicas de tódolos tempos que tivo lugar na sede que ten o Ministerio na vila de Guitiriz. Aquí, tiveron a oportunidade de charlar coas diferentes mulleres que asistiron, o cal resultou ser do máis enriquecedor.

A desconexión non foi moi longa e enseguida se viron inmersos nunha nova misión que, desta vez, os levou ata 1348, ano no que a peste bubónica se manifestaba con toda a súa crueldade. Nesta ocasión os bolseiros tiñan que atopar á princesa Isabel II, que fora secuestrada no século XIX e agochada nalgún rincón deste ano medieval. A excelente adicación dos bolseiros permitiu completar a tarefa cun éxito rotundo e tamén lles permitiu facer importantes reflexións acerca daquel momento da historia.

Pouco despois, unha delicada misión na que unha organización de ultradereita pretende atentar contra a faraona Hatshepsut, leva ós nosos protagonistas ata o Exipto do ano 1490 aC; unha viaxe fascinante, sen dúbida, na que, de novo, superan todos os inconvenientes e conseguen desarticular á esta organización.

Moitos anos despois deste incidente, no ano interestelar 84, os bolseiros tiveron que enfrontarse cun grave problema que xa se empeza a xestar na actualidade: a Terra converteuse nun lugar inhóspito e hai que buscar unha solución urxente. Esta foi a misión máis difícil de realizar, pois os seus efectos non se poderán ver ata dentro de décadas. 

Finalmente, e viaxando moitos moitos miles de anos cara o pasado, os bolseiros atopáronse en pleno Pleistoceno para evitar que un grupo de neonazis consiga eliminar ós Homo sapiens en favor dos Neanthertais que neses momentos están a piques de extinguirse.

Este curso foi axitado, pero todo o traballo realizado tivo a súa recompensa e a maioría dos bolseiros do tempo conseguiron a súa acreditación como Axentes do Ministerio para continuar contribuíndo a preservar a historia tal e como aconteceu, porque iso é o que define o noso presente e o que perfila o noso futuro.

AVALIACIÓN

Cada unha das tarefas realizadas durante todo o proxecto foron avaliadas a través de diferentes instrumentos (rúbricas, listas de cotexo, observación directa, etc.) e a cualificación obtida tivo un peso de, alomenos, un 50% da cualificación xeral de cada unha das materias implicadas.

03. CONCLUSIÓN

O proxecto desenvolvido significou un plus de motivación tanto para o profesorado implicado como para o alumnado. Conseguiuse unha boa actitude por parte dos alumnos e alumnas que relataron con orgullo o seu traballo na Feira de Exposición de Proxectos que tivo lugar a principios do mes de Xuño. Se ben hai múltiples aspectos a mellorar, a valoración xeral é positiva e digna de repetirse en cursos vindeiros.