A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

Titorial «Les ou non les?»

  • Antía e Natalia explican como facer esta actividade de estatística e socioloxía
  • Recibimos ó grupo diante da casa de Díaz Castro e temos os roles preparados
  • Repartimos os roles entre os participantes alternando home e muller
  • Cada grupo (homes e mulleres) deciden cantos deles estudarían cada ano
  • Os escollidos polo seu rol van saindo a posar segundo o ano
  • Comparamos a nosa foto coa de Díaz Castro e poñemos o crego e o mestre
  • Facemos a foto final cos roles de Crego e mestre incorporados
1/7

MATERIAIS

  • Tarxetas cos roles
  • Táboa coas porcentaxes de 1920 e foto de Díaz Castro na escola
  • Disfraces
  • Manual parada 04

PASO A PASO

  1. Colocar o material no banco e ordear as tarxetas
  2. Benvida e explicación 
  3. Amosar a foto de Díaz Castro na escola
  4. Introducimos as porcentaxes
  5. Repartimos roles
  6. Colocamos homes a un lado e mulleres a outro
  7. Mencionamos a porcentaxe de 1920
  8. Que razonen quen iría á escola e vanse colocando para a foto fronte a porta
  9. Facemos o mesmo coa porcentaxe de 1930, 1940 e saltamos a 1989
  10. Conclusión diferenzas entre foto de Díaz Castro e a actual (pasala para que a vexan)
  11. Escollemos mestre e cura entre o profesorado 
  12. Facemos foto de grupo e despedimos
  13. Preparámonos para a seguinte visita ou recollemos o material

NOTAS

  • Mentres un guía fai a presentación o outro conta o grupo e prepara os roles. Que sexan 50% homes e 50% mulleres.
  • Os anfitrións tamén xogan.
  • O rol do cura queda reservado. O de Xosé María sempre se reparte.
  • Un atallo para calcular de forma rápida a estatística é comezar sempre dende 0 50% e aumentar ou baixar dende aí.
  • Facemos o xogo cos datos de 1920, se imos curtos de tempo pasamos directos a 1990 para a foto final.
  • Amosar a foto de Díaz Castro na escola cando se mencione
  • O disfraz de cura teno o guía gardado

PRESENTACIÓN

Sabedes de quen era esta casa? Parécevos unha casa de ricos ou de pobres? É a casa familiar onde naceu Díaz Castro hai máis de cen anos. A súa familia eran labregos con propiedades e seu pai era escribinte no Concello, Así que o neno Pepe, como lle chamaban, creceu rodeado de libros, o cal non era moi habitual naquela época.

Un neno de aldea_les ou non les_04

Díaz Castro aprendeu a ler e escribir nesta casa, ata que abriron a escola dos Vilares á que iría Díaz Castro camiñando cada día co seu irmán Serafín atravesando estes carreiros. Mirádeos nesta foto. A escola antes era para uns poucos, para os que non tiñan que traballar. Incluso había escolas de ferrado, nas que se pagaba ós mestres con cereais. Canta xente credes ía a escola na época na que Díaz Castro era un neno? 

Un neno de aldea_les ou non les_06

Mirade, en 1920 na provincia de Lugo, sabían ler e escribir o 68% dos homes e o 35% das mulleres. Dos que estamos aquí cantos? 

E quen iría, os ricos ou os pobres? Imos facer un xogo.

ACTIVIDADE

Ides recibir un rol social e dependendo de quen sexades decidiremos se ides ou non á escola.

Un neno de aldea_les ou non les_07

Xa temos todos un rol no Vilariño de hai cen anos. Se estivesemos en 1920 cantas mulleres e cantos homes deste grupo estudarían? Calculemos pola porcentaxe. Se xa temos o número, agora hai que decidir quen sería polo seu estatus social. Ide dicindo quen sodes e decidimos se estudades ou non.

Xa temos os estudantes de 1920, colocádevos na porta de Díaz Castro para a foto da escola. Imos agora coa estatística de 1930, coa mesma mecánica, a cantos e a quenes sumamos á foto? E en 1940? E en 1990?

 

CONCLUSIÓN

Agora, se comparamos a foto de Díaz Castro coa nosa, quen falta? As rapazas! Na época de Díaz Castro as nenas recibían clase por separado. Tamén falta o crego que daquela mandaban moito na escola. 

Alguén quere ser crego? (dámoslle o alzacuellos)

A quen si temos é a Díaz Castro, quen era? Imos poñerche as gafas, que de maior vas ser miope. E non te queixes que case acabas de cura. Díaz Castro estudo aquí, nos Vilares e no seminario de Mondoñedo. Alí coñeceu poetas e estudou idiomas. Ao final non se fixo cura e traballou toda a vida de mestre e de tradutor, xa que falaba catorce idiomas. Foi na escola ademáis, onde comezou a escribir poemas, como este:

A cabra tira pra o monte / xa o decían meus abós… / Consellos que os abós dan / moi sabios consellos son…

E agora, xa con cura e mestre incorporados á foto despedímonos posando de verdade diante da primeira escola de Díaz Castro, a súa casa. Grazas e xa podedes ir á seguinte parada ou se rematastes, á despedida.