Construción do Invernadoiro
- Proxecto
Alixéirate - Autoría
Susana Vázquez Regueiro - Duración
Todo o curso 2020/21 - Ideal para
Mellorar as competencias clave do alumnado, descubrir o mundo e aprender a contalo. - Materias
Ámbito científico tecnolóxico, Biblioteca, Bioloxía, FP, Oralidade, Orientación, Tecnoloxía - Cursos
Curso 2019/20 - Compartir en
facebook, twitter
PRESENTACIÓN
A produción de lixo na sociedade actual acada valores a miúdo pouco asumibles para o entorno natural. Por iso, no noso centro xurdiu a necesidade de visibilizar e concienciar do problema. Deste xeito, xa no curso 2019/2020, nace ‘aLIXéirate’, un proxecto que pretende facer partícipe a toda a comunidade educativa, e tamén á contorna da mesma, da xestión sostible de todo este lixo. Desde a Coordinación de Competencias Científico-Tecnolóxicas leváronse a cabo diferentes propostas de actividades baseadas nas 3 ‘R’. Unha destas actividades é o fomento da reciclaxe en xeral, e do plástico en particular.
Neste contexto propúxose a construción dun invernadoiro elaborado con botellas de auga de plástico recicladas. O proxecto, no que xa se comezou a traballar durante o pasado curso académico (Podes ver aquí a entrada do curso 2019/20 ), continuouse a desenvolver no presente curso a través da participación do noso centro no programa Voz Natura, unha iniciativa de educación ambiental de La Voz de Galicia.
CLAVES
MATERIAS: Fabricación Mecánica, Educación Plástica e Audiovisual, Tecnoloxía, TICs, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés.
CONTIDOS: Dun modo transversal tratamos contidos do currículo de materias científicas, pero tamén da mellora da competencia comunicativa, do traballo en equipo e de relación coa contorna.
SESIÓNS: Trátase dun traballo plurianual, que comezou no pasado curso, desenvolveuse no 20/21 e continuará no 21/22.
OBXECTIVOS
- Mellorar a comunicación e a competencia oral.
- Construír un invernadoiro que se convirta nun espazo de aprendizaxe para todo o alumnado.
- Idear solución ao problema da acumulación de botellas de plástico no instituto.
- Desenvolver as competencias do alumnado de resolución de problemas.
- Mellorar as súas destrezas dirixindo unha actividade cara ao público.
PASO A PASO
01. PREPARATIVOS
RECOLLIDA DE BOTELLAS DE PLÁSTICO
Os alumnos de Educación Plástica e Visual de 4º da ESO, deseñaron varias propostas de carteis empregando diferentes técnicas artísticas. Todos eles foron sometidos á valoración e votación do resto dos compañeiros. Os dous carteis elexidos foron dixitalizados, impresos e plastificados para ser empregados na campaña de recollida de botellas.
A campaña de recollida de botellas foi a fase do proxecto que máis intensamente se viu perxudicada pola situación sanitaria derivada da COVID-19 debido ás restriccións ás que estiveron sometidos os establecementos de hostalaría e tamén debido ás propias medidas que adoptamos no centro respecto das botellas recibidas, que se mantiveron en corentena durante o tempo necesario para asegurar que a manipulación posterior se realizaría con total seguridade.
Por este motivo vímonos na obriga de recorrer a proveedores fóra da vila (principalmente, Pizzbur e El Galeón) que nos permitise incrementar o ritmo de recollida para poder executar a construción do invernadoiro dentro dos prazos establecidos.
PREPARACIÓN DAS BOTELLAS
- Seleción das botellas de plástico. As botellas que mellor se axustaban ó modelo de construción previsto eran as da marca comercial ‘Cabreiroá’ de 500 mL de capacidade. De entre todas as botellas recollidas, a primeira tarefa foi a de selecionar este tipo de botellas.
- Eliminación das etiquetas. As etiquetas pegadas ás botellas elimináronse para garantir unha óptima entrada de luz no interior do invernadoiro.
- Eliminiación dos tapóns. Todos eles foron recollidos para a súa reciclaxe no punto de reciclaxe de tapóns do centro educativo.
Corte das botellas. As botellas irían insertadas en varas de ferro, de modo que era necesario recortalas seguindo 3 patróns diferentes en función do lugar que posteriormente ocuparían na estrutura do invernadoiro.
02. DESENVOLVEMENTO
CONSTRUCIÓN DO INVERNADOIRO
A estrutura metálica do invernadoiro foi construída e parcialmente financiada pola empresa comprometida co proxecto, Tecman Lugo. Os elementos da estrutura estrutura foron colocados no xardín do instituto e ensamblados polos alumnos de Formación Profesional Básica de Fabricación Mecánica dacordo coas instrucións de montaxe elaboradas polos alumnos de 2º da ESO na aula TIC do centro.
As botellas colocáronse nas varas metálicas da estrutura para formar os laterais e a porta do invernadoiro. Esta tarefa foi realizada por alumnos da modalidade de ensinanzas aplicadas de 4º da ESO principalmente, coa colaboración de alumnos voluntarios de 2º da ESO durante os períodos de lecer.
MEDICIÓN DA TEMPERATURA E HUMIDADE DENTRO E FÓRA DO INVERNADOIRO
Os alumnos de Tecnoloxía de 4º da ESO e 2º de Bacharelato deseñaron e construíron un sistema electrónico que permitiu a monitorización da temperatura e humidade no interior e no exterior do invernadoiro para comprobar o seu correcto funcionamento.
As medidas realizáronse ó longo de 7 días, tomando datos en tres momentos da xornada lectiva: 8.30, 11.00 e 13.50. Os resultados amósanse na seguinte gráfica:
ANÁLISE DO SOLO DO INVERNADOIRO
Coñecer as características do solo sobre o que se asenta o invernadoiro é esencial para determinar a súa viabilidade para o cultivo das especies autóctonas para o que se pensou esta nova estrutura do centro. É por iso que os alumnos de ensinanzas aplicadas traballaron durante varias semanas na determinación de múltiples parámetros físico-químicos no laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía. Os resultados e conclusións obtidos recolléronse nun elaborado informe realizado de forma colaborativa nos equipos informáticos da biblioteca.
03. CONCLUSIÓN
No presente ano académico completouse a construción do invernadoiro e tamén a análise dalgúns aspectos básicos que permiten determinar a súa viabilidade para o seu uso no cultivo de especies autóctonas para o cal está pensado. Estes estudos permítennos concluír que o invernadoiro é un espazo apropiado para o cultivo de diferentes especies vexetais xa que mantén unha temperatura e humidade axeitadas para elo; e tamén nos permitiron descartar o cultivo no propio substrato sobre o que se asenta, o cal nos proporciona a vantaxe de poder mellorar este aspecto antes de comezar coas actividades proxectadas para o seu uso.
O traballo realizouse de forma colaborativa e coordinada entre diferentes departamentos e grupos de alumnos, resultando nunha experiencia motivadora para todos os implicados, fomentando o sentido da responsabilidade por este novo elemento que xa forma parte da paisaxe do instituto.
O desenvolvemento do proxecto constituiu unha excelente oportunidade de mellora de tódalas competencias clave recollidas na lexislación educativa e unha excelente forma de adquisición de destrezas en diferentes ámbitos que consideramos de vital importancia para a formación dos nosos alumnos e, en xeral, de todos os integrantes da comunidade educativa que forma este instituto.