DESCONECTAMOS por proxectos
- Proxecto
Desconecta - Autoría
Alumnado de 1º da ESO, Cristina de la Torre - Ideal para
Crear xuntos - Materias
Bioloxía, Historia, Lingua Castelá, Lingua Galega, Valores - Cursos
1º ESO, Curso 2018/19 - Compartir en
facebook, twitter
Durante o curso 2018/19 marcámonos un obxectivo no traballo por proxectos: interiorizar valores vinculados cun uso responsable das ferramentas tecnolóxicas. Para iso solicitamos un Contrato-Programa á Consellería de Educación para crear unha campaña de comunicación multiformato na que alumnado e profesorado puideran identificar, argumentar e representar os retos que se presentan polo uso masivo das pantallas.
Co título de «DESCONECTA», deseñamos contidos e accións de impacto con audio, texto, vídeo, grafismo, eventos, interaccións… que foron presentadas nunha gala final. O traballo organizouse a traveso dun obradoiro conducido por Cristina de la Torre e dirixido ó alumnado de 1º da ESO. En paralelo, o profesorado tamén creou os seus propios contidos cun programa formativo do CEFORE.
OBXECTIVOS
- Reflexionar sobre o uso das pantallas e das plataformas online.
- Coñecer e experimentar con diferentes narrativas: vídeo, podcast, fotografía, grafismo…
- Familiarizar ó alumnado de 1º cunha maneira diferente de traballar os contidos.
- Integrar contidos multidisciplinares: lingua, valores, historia, plástica, música, etcétera.
- Que o alumnado utilizase as propias pantallas cun fin educativo.
- Exercitar a capacidade narrativa.
- Que o alumnado recén chegado tomase protagonismo na actividade do centro.
- Descubrir e potenciar outros talentos do alumnado.
- Fomentar a creatividade, capacidade de escoita, traballo en grupo, estratexias de negociación, etcétera.
COMO O FIXEMOS
- O obradoiro desenvolveuse durante o segundo e terceiro trimestre. Comezou cunha serie de sesións iniciais en común con cada clase de primeiro na que o alumnado identificou que temas lles preocupaban máis relacionados co uso das pantallas.
- Ademais do tema das pantallas tamén analizamos as diferentes narrativas que se poden aplicar unha campaña de comunicación e a rapazada escolleu con que formato rpefería traballar. Ofrecímoslles os seguintes: audiovisual, podcast, fotografía, grafismos e accións.
- Despois plantexamos un calendario de 3 sesións por cada grupo para traballar cada proxecto e formato por separado. Nalgúns casos os grupos conviviron no espazo e no tempo facilitando que interactuaran entre eles e tamén que podeiran traballar de forma autónoma.
- Dentro de cada grupo creamos un guión, un listado de necesidades e un plan de execución.
- Dividimos os grupos en tres categorías: creativos, produtores e técnicos, para facilitar que participasen todos.
- Fixémolos.
QUE FIXEMOS
Estes son os proxectos resultantes da nos acampaña de comunicación feita polo alumnado de 1º da ESO.
- Un informativo audiovisual
- Unha curtametraxe audiovisual
- Un proxecto de reinterpretación fotográfica
- Unha exposición interactiva
- Un podcast
- Un scape room
INFORMATIVO
Un grupo de un grupo de alumnas de 1º da ESO realizou un telexornal ó que denominaron NDC, Novas Díaz Castro. A peza principal do informativo foi unha entrevista á orientadora do centro, Yolanda Barallobre, sobre o acoso nas redes. Tamén buscaron material sobre cuestións de saúde vinculadas ó uso dos móbiles, facendo unha peza propia e incluindo outra de Internet.
DETALLES
- Formato: Audiovisual.
- Temas: Efectos físicos do uso dos móbiles, o acoso nas redes, o traballo no centro.
- Autoras: Nerea Caínzos, Lucía Morán, Lucía Rodríguez, Lydia Vázquez, Andrea Marcelino, Hugo Fontenla, Nara Gómez.
- Para saber MÁIS.
FOTOGRAFÍA
Traballamos sobre imaxes icónicas do século XX. Escollemos seis fotos que retrataban acontecementos e personaxes históricas e adaptámolas ás reflexións que plantexamos no aula sobre as vantaxes e riscos de estar sempre conectados. O resultado foron seis montaxes que se colgaron polo instituto e que invitaban a reflexionar sobre as metáforas visuais, ademais de achegarnos ó mundo do fotoxornalismo.
DETALLES
- Formato: Fotografía.
- Temas: Os novos poderes corporativos, o abuso das pantallas, os novos valores, o narcisismo…
- Autoras: Alejandro Pereira, Víctor Estraviz, Hugo Balsa, Sara Paz, Silvia Freire.
- Para saber MÁIS.
CURTAMETRAXE
Estamos no 2050 e o sistema educativo xa non é que o que coñecemos. Estudamos dende a casa e as pantallas e as ferramentas tecnolóxicas resolven a maior parte das nosas necesidades formativas. É por iso que o vello instituto de Guitiriz vai ser derrubado para construir unha granxa de datos. Esta curtametraxe foi realizada por un equipo de cinco alumnos. Eles idearon as escenas e gravaron. O resultado é unha peza audiovisual que nos fai reflexionar sobre o que nos deparará o futuro.
DETALLES
- Formato: Audiovisual.
- Temas: A obsolescencia tecnolóxica, a memoria recente, as relacións sociais, os novos modelos de educar.
- Autoría: Javier Castro, Gabriel Iglesias, Lucía Díaz, David Martínez, Jesús Vázquez.
- Para saber MÁIS.
SCAPE ROOM
Creamos unha experiencia para que o alumnado asimilara ideas relacionadas co uso dos móbiles dunha forma lúdica. A proposta consistía en ir resolvendo pistas e probas de inxenio que incluían chaves agochadas, candados con códigos, xornais modificados, claves de internet, etcétera. Foron dez probas e pasaron pola nosa Scape Room máis de sesenta alumnos e alumnas e tamén varias profesoras.
DETALLES
- Formato: Acción / Evento.
- Temas: A empatía, a privacidade, a identidade, o risco do móbil conducindo.
- Autoría: Javier Castro, Gabriel Iglesias, Lucía Díaz, David Martínez, Jesús Vázquez.
- Para saber MÁIS.
RADIO
Sentarse e falar das cousas pode parecer un proxecto sinxelo, pero non o é tanto cando estamos afeitos a que as nosas conversas sexan monólogos ou simple voyeurismo a través das redes sociais. Por iso, plantexamos crear un programa de radio que incluira debate, entrevistas e enquisas. O resultado é este Onda Díaz Castro Capítulo que pode escoitarse no seguinte podcast ou, incluso, ver o vídeo do debate, como na radio con streaming.
DETALLES
- Formato: Podcast / Audiovisual.
- Temas: As pantallas no aula, o tempo coas pantallas, o uso didáctico de Internet.
- Autoría: Roi Rivera, Lucas Pereira, Alexandre Barreiro, José Morandeira, Miguel Pereira.
- Para saber MÁIS.
EXPOSICIÓN INTERACTIVA
Creamos unha exposición interactiva de metáforas visuais realizadas con materias reciclados na que plantexamos reflexións respecto ó uso das pantallas con cinco preguntas: EN QUE GASTAS O TEMPO? / QUEN O DÍ? / CREAS OU COPIAS? / A QUEN ADORAS? / CANTOS AMIGOS TES?. Os cinco paneis resultantes colgámolos na entrada do centro e estaban vinculados enquisa que realizaron moitos compañeiros e compañeiras.
DETALLES
- Formato: Grafismo / Collage
- Temas: O tempo adicado ás pantallas, a veracidade dos contidos, a autoría nas redes, as relacións sociais, as plataformas
- Autoría: Sabela López, Beatriz Paz, Álex Maceiras, Anxo López, Miguel Carreira, Yanira Guizán, Iván Morandeira.
- Para saber MÁIS.
VIDEOCLIP
A canción foi elaborada por Francisco Loureiro, profesor de matemáticas, e a rapazada fixo o guión e produción da rodaxe. Unha parte do videoclip está rodada no salón de actos do instituto coa cámara do centro. Os recursos de alumnado gravouno o alumnado pola súa conta co móbil do instituto. Foi unha experiencia moi interesante xa que permitiu a profesorado e alumnado crear xuntos.
DETALLES
- Formato: Audiovisual.
- Temas: O abuso das pantallas
- Autoría: Iván García, Lara Díaz, Sergio Cordeiro, Adrián Santamariña, Sergio Campello, Irene López e Martín Díaz
- Para saber MÁIS.
CONCLUSIÓNS
Con este proxecto o alumnado:
- Reflexionou sobre o uso das pantallas.
- Participou dun proxecto común de centro facendo unha aportación propia.
- Desenvolveu habilidades narrativas.
- Familiarizouse con diferentes formatos.
- Aprendeu a negociar e tomar decisións en equipo.
- Asumiu responsabilidades de cara ó éxito do proxecto.
Permitiunos:
- Fomentar a creatividade para resolver imprevistos e atopar alternativas á carencia de recursos ou tempo.
- Traballar en equipo repartindo tarefas e responsabilidades.
- Manexar a frustación polos erros técnicos.
- Exercitar a capacidade de síntese, a narración e a oralidade.
- Poñer en valor os recursos tecnolóxicos cos que conta o centro.
- Facer contidos multidisciplinares.
- Mellorar a convivencia creando unha atmósfera creativa e moi enérxica.
- Atopar intereses en común entre alumnado e profesorado.
- Traballar moito coas mans e en analóxico.
Tamén houbo dificultades:
- Complicacións técnicas co uso equipos.
- Procedemento mellorable na transferencia de arquivos.
- Inexperiencia do alumnado no traballo por proxectos.
- Ambición excesiva na cantidade de proxectos o que foi un reto organizativo.
Aínda así, o balance é máis que positivo. O alumnado foi activo, flexible, permeable e nalgúns casos entusiasta ó máximo. Por iso DESCONECTA cumpriu o seu obxectivo de encher o centro de enerxía creativa e reflexión.