A lus do mundo

EDUCACIÓN PARTICIPATIVA DENDE GUITIRIZ — Un proxecto do IES Poeta Díaz Castro

A fábrica de poetas

A traxectoria literaria de Díaz Castro está moi relacionada coa vila de Guitiriz. Aquí pasou os seus últimos anos e foi onde recibiu os primeiros recoñecementos pola súa obra.

Este é un roteiro literario guiado polo alumnado do instituto con actividades en cada parada. Aquí compartimos os detalles, pero invitámosvos a que reservedes unha visita para vivir a experiencia connosco.

 

 

Tamén, se o preferides, podedes facer a visita de maneira virtual:

  • GOOGLE MAPS con xeoposicionamento de cada punto do percorrido
  • GOOGLE EARTH para ver dende o ordenador en modo presentación

1. A fábrica de poetas

  • No IES facemos un sprint literario

Este percorrido literario comeza no noso instituto, que leva o nome do poeta dende 1994 a iniciativa do seu amigo e principal divulgador Alfonso Blanco Torrado, quen tamén dá clase no centro.

O IES Poeta Díaz Castro é tamén un símbolo da recuperación da súa memoria xa que boa parte da actividade sobre a obra do poeta apóiase no noso traballo recollido nesta mesma web, na que colaborou Xermolos. Por todo iso comezamos esta ruta no que para nós é unha fábrica de poetas.

2. Autor dun único libro

  • O Curro Vello, zona antiga de Guitiriz vila
  • A zona ten unha mostra sobre augas termais e fontes
1/2

A seguinte parada é na parte máis antiga de Guitiriz, o Curro Vello, onde se conservan rúas antigas que conducen todas á antiga capela. As chaves para vela, téñenas enfrente, na Casa Barxa.

Como actividade propoñemos unha comparativa coa literatura universal para coñecer, por unha banda, a autores cos que Díaz Castro coincidiu no tempo, e por outra, a outros autores dun único libro.

3. A viaxe do heroe

  • Na estación de tren de Guitiriz analizaremos o regreso

A estación de Gutiriz inaugurouse o 10 de outubro de 1875, coa apertura do tramo A Coruña-Lugo. Dende ese momento o ferrocarril influiu na vida social e económica da vila que pola súa situación ten sido sempre un cruce de camiños.

A esta estación e máis á de Parga chegaba Díaz Castro para pasar as vacacións no Vilariño, ata o día que regresou para quedarse, como o heroe da Elíada. Por iso, a proposta para esta parada é analizar o poema de Penélope e a viaxe do heroe.

4. O léxico de Díaz Castro

  • Aquí celebramos un bingo de palabras

É a sede da Asociación Cultural Xermolos, e onde Díaz Castro se refuxiaba na súa etapa en Guitiriz. Aquí consérvase o legado do poeta, fotografías, manuscritos, poemas inéditos, etc, e recibiu unha homenaxe poucos meses antes de morrer.

A Casa das palabras conta cunha extensa biblioteca e por iso adicamos esta parada ó léxico de Nimbos. Podedes bucear nas verbas máis empregadas polo autor e nas formas da Terra Chá tan presentes na súa poesía e que forman este bingo co léxico de Díaz Castro.

 

5. A voz do poeta

  • A Casa Habanera

Neste edificio estivo o primeiro instituto de secundaria e bacharelato de Guitiriz. Rehabilitado nos últimos anos, na actualidade é unha biblioteca e centro onde se celebran actos como o das Letras Galegas de 2014.

Nel, antes da súa restauración, foi onde Díaz Castro deu o seu primeiro recital en Galicia en 1984. A ese recital acudiron moitos veciños e amigos e tamén poetas ós que coñeceu ese día como Manuel María. Neste lugar recrearemos a voz do poeta.

6. A apócema poética

  • Aquí celébrase feira tódolos mércores
  • Este reloxo analemático está nun dos laterais da praza
1/2

Aquí, tódolos mércores hai feira, así que non hai que explicar o nome. É un lugar de encontro ó lado da igrexa de Santa María de Lagostelle e no parque hai unha escultura adicada a Díaz Castro cos versos de Esmeralda.

Neste lugar o poeta pasou horas cos nenos, cos que tiña unha especial conexión. É posible que os animase a escribir versos, como coa dinámica de literatura de cordel que vos propoñemos. O que van atopar é unha apócema poética.